Miranda traslada ás e aos galegos de Venezuela as accións que a Xunta desenvolve para favorecer o retorno a Galicia

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro coa colectividade galega en Caracas, á que informou da convocatoria aberta para solicitar bolsas de Excelencia Académica BEME que permiten realizar un máster nas universidades galegas. 

Nesta reunión Miranda trasladoulles a información doutra serie de programas complementarios en materia de acompañamento aos retornados e retornadas.

Imaxe do encontro informativo celebrado na sede da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Imaxe do encontro informativo celebrado na sede da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Caracas (Venezuela), 17 de marzo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nas últimas horas nun encontro cos socios e socias da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas co obxectivo de informarlles das accións que desenvolve a Xunta de Galicia en materia de retorno. Así, trasladoulles os requisitos para optar a unha das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME, que actualmente se atopan co prazo de solicitude aberto e que permiten realizar un máster aos galegos e galegas do exterior nunha das tres universidades galegas. 

Este encontro permitiu tamén trasladarlle ao responsable da Secretaría Xeral da Emigración o sentir das e dos galegos de Venezuela e as súas principais demandas.

En relación ás bolsas BEME, Miranda recordou que o Goberno galego destina 2,15 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas. “Dende que puxemos en marcha estas bolsas, case 200 galegos de Venezuela foron beneficiarios das mesmas”, engadiu o secretario xeral.

De feito, con estas bolsas, a Xunta de Galicia quere ofrecerlle a estes mozos e mozas a posibilidade de completar a súa formación universitaria, o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. “Ao darlle un apoio económico durante o tempo que complementan a súa formación poden irse adaptando ao mercado laboral mentres realizan o máster e conseguir así posteriormente un emprego ou crear a súa propia empresa”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración. 

As e os beneficiarios da iniciativa deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior e estar admitido ou admitida na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

O importe da bolsa vai dende os 7.000 aos 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado e do número de créditos que cursen). Os interesados e interesadas teñen ata o próximo 29 de abril para presentar a súa solicitude.  

A maiores, durante este encontro, o secretario xeral tamén ofreceu información sobre outras liñas de axuda ao retorno que abrirán en breve a súa convocatoria: as axudas de carácter social ao retorno e as axudas para as e os emprendedores retornados. 

339 lecturas