Miranda presenta a nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, que incrementa nun 50 % o número de prazas e o orzamento, ante a segunda promoción de alumnas e alumnos retornados desde o exterior

Os beneficiarios e beneficiarias da convocatoria 2018/2019 deste programa da Secretaría Xeral da Emigración e os das bolsas de Ciclo Superior de FP da Consellería de Educación asisten na USC a unha xornada específica de orientación laboral.

O prazo de presentación de solicitudes para as galegas e os galegos do exterior que queiran acceder ás axudas para cursar un mestrado nunha das tres universidades galegas rematará o 30 de abril.

  • Imaxe da xornada que se está a celebrar hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela
    Imaxe da xornada que se está a celebrar hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela
  • Imaxe da xornada que se está a celebrar hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela
    Imaxe da xornada que se está a celebrar hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aproveitou as xornadas de orientación profesional celebradas hoxe e deseñadas especificamente para as galegas e os galegos residentes no exterior beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para anunciar a nova convocatoria do programa, que no seu terceiro ano de vida incrementa nun 50 % tanto o seu número de prazas como o orzamento que destina a elas. A orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) fixa, así, en 150 o número de bolsas dispoñibles para o curso 2019/2020, e aumenta a dotación económica para levalo a cabo de 860.625 euros a case 1,3 millóns de euros.

Xunto aos cen bolseiros e bolseiras que comezaron o outono pasado os seus estudos de mestrado nunha das tres universidades públicas galegas, no Paraninfo da Facultade de Historia da USC danse cita hoxe ao longo de todo o día beneficiarias e beneficiarios das bolsas de retorno do Ciclo Superior de Formación Profesional (FP), que convoca a Consellería de Educación e cuxo prazo de inscrición non está aberto aínda. O acto de inauguración, presidido polo secretario xeral da Emigración, contou, así mesmo, coa presenza da subdirectora de FP da Consellería de Educación, Eugenia Pérez Fernández; o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, Víctor Arce Vázquez; e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da UDC, Margarita Amor López.

De máis 860.000 a case 1,3 millóns de euros
“Son cada ano máis as solicitudes que recibimos de centos de galegos que viven fóra das nosas fronteiras e que, ben porque un día saíron de Galicia e agora queren regresar a ela, ben porque foron os seus pais ou avós quen fixeron a viaxe inversa un día e agora eles queren achegarse ás súas raíces, ven o seu futuro na nosa comunidade, que tamén é a súa. Por iso este ano decidimos intensificar o esforzo que vimos facendo desde 2017 e incrementar o número de bolsas para os mellores expedientes do exterior. Galicia os espera cos brazos abertos para ofrecerlles, como fixo convosco, todo o que ten: calidade de vida, progreso, un fogar e, por riba de todo, futuro”, sinalou Miranda.

Ao longo da xornada, polo Paraninfo da USC pasarán expertas  e expertos das universidades participantes e de distintas empresas para ofrecer ferramentas ás e aos beneficiarios tanto das BEME como de FP sobre intelixencia emocional na busca de emprego, o tipo de empregadas e empregados que precisan as empresas, que facer e que non facer para conseguir emprego, como superar as barreiras no retorno e na busca de emprego, orientación para desenvolver á marca persoal, un obradoiro de busca de emprego, e os aspectos chave á hora de crear unha empresa, entre outras cuestións.

Destino profesional de calidade captador de talento
As mozas e mozos galegos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia da ou do alumno).

O prazo de solicitudes desta terceira convocatoria das BEME rematará o 30 de abril, e o obxectivo derradeiro que persegue a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coas tres universidades galegas é fomentar Galicia como un destino profesional de calidade captador de talento.

265 lecturas