Miranda invita ás mozas e mozos galegos residentes en Venezuela a “aproveitar as oportunidades de retorno que ofrece Galicia”
O secretario xeral da Emigración participa nun encontro coa mocidade galega no país suramericano no que fixo entrega das Compostelas ás e aos participantes na 30ª edición do Conecta con Galicia.
Invita á xuventude galega en Venezuela a participar na próxima edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME e no programa de apoio ao retorno emprendedor.
“Queremos que os mozos galegos do exterior teñan a oportunidade de volver á terra dos seus pais e avós e desenvolver aquí as súas traxectorias persoais e profesionais”, incide.
Durante a xuntanza realizouse unha conexión en directo coa tradicional cea do Nadal da Federación Venezolana de Galicia Vigo – FEVEGA.
- O secretario xeral da Emigración, no encontro coa mocidade galega de Venezuela
- Imaxe da conexión en directo coa cea do Nadal da Federación Venezolana de Galicia en Vigo
- O secretario xeral da Emigración, no acto de entrega de Compostelas aos mozos e mozas galegas de Venezuela do Conecta con Galicia 2019
- O secretario xeral da Emigración, no encontro coa mocidade galega de Venezuela
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, participou, na Hermandad Gallega de Caracas, nun encontro coa mocidade galega no país suramericano, no que invitou aos mozos e mozas residentes en Venezuela a “aproveitar as oportunidades de retorno que ofrece Galicia”.
“Queremos que Galicia sexa para todos vós unha oportunidade de presente e de futuro”, resaltou o titular do departamento autonómico durante un encontro coa xuventude de Caracas durante o que recordou que, para acadar este obxectivo, a Xunta ten en marcha iniciativas históricas como o Conecta con Galicia, que este ano alcanzou a súa 30ª edición, e a cuxas e cuxos participantes residentes en Venezuela fixo entrega durante o acto da súa correspondente Compostela.
Así mesmo, proseguiu o secretario xeral, o Goberno galego conta con outras iniciativas máis recentes que ofrecen a posibilidade de “volver a Galicia e completar na nosa terra a formación académica, primeiro paso para construír un proxecto persoal e profesional”.
Así, destacou Miranda, este mesmo ano 150 mozas e mozos do exterior -28 procedentes de Venezuela- están a cursar un máster nunha das universidades galegas a través das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Unhas bolsas que, como lembrou, ofrecerán ata o 2020 a posibilidade de volver a Galicia a 800 mozas e mozos da diáspora.
“Traballamos co convencemento de que este é o século do retorno”, expuxo o secretario xeral, quen destacou tamén o programa de apoio ao retorno emprendedor; unha iniciativa que, segundo salientou, permitiu, neste 2019, a 15 emprendedoras e emprendedores galegos residentes en Venezuela volver a Galicia para impulsar un novo negocio. “A inmensa maioría dos beneficiados neste programa son menores de 45 anos que retornan para construír na nosa terra o proxecto que aquí non lle deixan impulsar”, incidiu Miranda.
“En definitiva, queremos que os nosos mozos do exterior teñan a oportunidade de vir a Galicia a vivir experiencias e a formarse; queremos que teñan a oportunidade de volver á terra dos seus pais e avós e desenvolver aquí as súas traxectorias persoais e profesionais”, afondou o secretario xeral, incidindo en que esta “sempre será unha terra coas portas abertas para os galegos do exterior”.
Conexión Vigo – Venezuela
Así mesmo, e no transcurso do acto, o secretario xeral realizou unha conexión en directo coa tradicional cea do Nadal da Federación Venezolana de Galicia Vigo – FEVEGA, a quen lles agradeceu o “importantísimo traballo” que realizan para atender aos miles de venezolanas e venezolanos que chegan a Galicia na “procura dun futuro mellor”. “Desde aquí, desde a vosa terra, quero trasladarvos o noso profundo agradecemento e todo o cariño dos vosos concidadáns”, salientou Miranda.
Novas relacionadas