Miranda invita ás entidades galegas de Venezuela a solicitar axudas para a organización de actividades e a mellora de infraestruturas
O secretario xeral da Emigración impartiu unha charla en Maracay sobre os programas e as liñas de axuda do Goberno galego para residentes no país e retornados
O responsable autonómico aproveitou para manter un encontro coa colectividade galega na cidade venezolana
Miranda á súa chegada ao Centro Hispano Venezolano do Estado Aragua, en Maracay
Na xornada informativa en Maracay
Na xornada informativa en Maracay
Miranda entrega un presente ao presidente do Centro Hispano, Argenis Navarro
Santiago Camba, conselleiro de Emprego, Rodríguez Miranda, Emilio López Pablos, cónsul honorario en Aragua; Argenis Navarro, presidente do Centro Hispano; Roberto González, presidente de FECEVE e Alejandro Suárez, tesoureiro do Centro Hispano
Miranda invita ás entidades galegas de Venezuela a solicitar axudas para a organización de actividades e a mellora de infraestruturas
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou hoxe a todas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade a solicitar as axudas que o Goberno galego concede para a conservación da cultura, as tradicións e a atención aos galegos que residen no exterior. Dotada de máis dun millón de euros, a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins formativos, culturais, sociais, de xuventude e informativos das comunidades galegas.
Do mesmo xeito, as entidades poden solicitar axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, así como para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, que este ano volven alcanzar os 575.000 euros. O prazo de presentación de peticións para ambas liñas de axuda remata o vindeiro día 20.
Achegamento á realidade dos galegos de Maracay
O representante autonómico inaugurou esta mañá a axenda da súa primeira viaxe institucional do ano a Venezuela en Maracay, onde mantivo un encontro coa colectividade galega na rexión. Durante a xuntanza, os galegos que viven no país suramericano expuxeron ante o responsable autonómico a súa realidade, e transmitíronlle as súas inquedanzas nun momento no que a incerteza está a apoderarse do país e do seu futuro a causa da súa complexa situación política e social que atravesa.
O encontro tivo lugar no Centro Hispano Venezolano del Estado Aragua logo de que o secretario xeral da Emigración impartira unha charla informativa ante a colectividade galega sobre os diferentes programas e liñas de axudas que o Goberno galego ten en marcha tanto para os residentes no país como para os que decidan retornar. As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as Axudas ao Retorno Emprendedor e as Extraordinarias para Emigrantes Retornados son as tres que concentran as medidas que a Xunta de Galicia deseñou para atraer á poboación galega máis nova á comunidade e ofrecerlles a oportunidade de establecerse nela.
Proba diso é a cantidade de venezolanos que cada semana chega a Galicia tralos seus familiares, amigos ou coñecidos. De aí a importancia desta visita e das xuntanzas de Rodríguez Miranda cos galegos residentes na república de Venezuela para expoñer todas as ferramentas que estes galegos que están a retornar á súa terra, así como os seus descendentes, teñen á súa disposición.
Valencia presidirá a axenda da tarde
Esta tarde o responsable do departamento autonómico trasladarase a Valencia, onde, ademais, se reunirá coa directiva da Hermandad Gallega de Venezuela, coa que asinará o protocolo de colaboración. Mañá será o Centro Gallego de Maracaibo o que recibirá a visita do secretario xeral da Emigración para celebrar reunións cos socios e a directiva da entidade, así como para ofrecer información á colectividade galega na cidade venezolana.
Novas relacionadas



