Miranda asistiu ao X Encontro de Amigos da Cultura Celta

O secretario xeral gaba o traballo de entidades coma a organizadora do evento que “poñen en valor a cultura e tradición da nosa terra, tal e como fai decote a diáspora en tódolos países do mundo”.

  • Esta décima edición, celebrada no Castro de San Cibrao de Las (San Amaro - Ourense) levou o epígrafe ‘Cultura castrexa e celtas atlánticos’
    Esta décima edición, celebrada no Castro de San Cibrao de Las (San Amaro - Ourense) levou o epígrafe ‘Cultura castrexa e celtas atlánticos’
  • Miranda gabou o traballo da entidade organizadora
    Miranda gabou o traballo da entidade organizadora
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á décima edición do encontro organizado por socias e socios de Amigos da Cultura Celta, celebrado nesta ocasión baixo o epígrafe ‘Cultura castrexa e celtas atlánticos’ no Castro de San Cibrao de Las, en San Amaro (Ourense).

Para Miranda, os traballos que realizan esta e outras entidades similares “poñen en valor a cultura e tradición da nosa terra, tal e como fai decote a diáspora en tódolos países do mundo. Na medida en que coñecemos e recoñecemos o noso pasado, facemos máis forte e fermosa a nosa idiosincrasia, que teñen conquistado a simpatía de tantas nacións e culturas”.

O secretario xeral afirmou tamén ante as e os presentes que “a tradición castrexa, como o Camiño de Santiago, ou cada un dos múltiplos tesouros culturais que conserva Galicia, son sinais da nosa identidade, son esencia de Galeguidade e, por tanto, motivo de orgullo para todos nós”.

O evento
Este X Encontro comezou cunha interpretación histórica, por parte da arqueóloga Montserrat Adalid, dos restos do castro no que se realizou o evento. Posteriormente, tivo lugar unha mesa redonda sobre o debate en torno aos conceptos de cultura castrexa e os celtas atlánticos, na que participaron o investigador do CSIC Xosé Lois Armada, o arqueólogo Ángel Concheiro, o historiador Ladislao Castro e o lingüista Joaquín Gorrochategui.

De seguido, celebrouse o acto solemne de outorgamento de distincións honoríficas a investigadoras e investigadores e outras persoas relacionadas coa divulgación da cultura celta, amenizado polo membro da Real Banda de Gaitas da deputación ourensá Marcos Foxo. Algúns das e dos participantes gozaron, finalmente, dun xantar de confraternidade e posterior visita ao mosteiro de Oseira.

821 lecturas