Miranda aposta pola colaboración coa Embaixada de España no Uruguai para responder mellor ás necesidades da colectividade galega no país
O secretario xeral da Emigración reuniuse co ministro conselleiro da Embaixada, Carlos Domínguez, e co Cónsul Xeral de España no Uruguai, Juan Carlos Gafo.
O 60% do total dos cidadáns españois no país son galegos.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta en Montevideo, Elvira Domínguez, reuniuse esta mañá na Embaixada de España co Cónsul Xeral de España no Uruguai, Juan Carlos Gafo, e co ministro conselleiro da Embaixada de España, Carlos Domínguez, en representación do embaixador de España no Uruguai, Javier Salido.
Miranda salientou a importancia de traballar conxuntamente coa Embaixada en favor da colectividade galega no país. Ademais, falaron da promoción de Galicia en Montevideo no próximo mes de outubro, xa que Galicia vai ser a comunidade homenaxeada na celebración do Día da Hispanidade neste país.
Tamén falaron do próximo Ano Xacobeo e de como difundilo no Uruguai, para que moitas persoas visiten Galicia en 2027. Na actualidade residen no Uruguai 45.000 galegos, case o 60% do total dos cidadáns españois no país.
Novas relacionadas




