Miranda anima ás entidades galegas no exterior a aproveitar a riqueza da cultura galega para achegala a todos os recunchos do mundo

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro con representantes da Casa de Galicia en Córdoba.

O club de lectura do centro andaluz está a servir de reclamo para o incremento do número de socias e socios da agrupación. 

Maribel García e Antonio Rodríguez Miranda, durante o encontro mantido na sede de Emigración na capital de Galicia
Maribel García e Antonio Rodríguez Miranda, durante o encontro mantido na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou a todos os centros galegos do exterior a involucrarse na difusión da cultura galega como vehículo para achegarse a todas e todos os residentes nos seus respectivos lugares de residencia, galegas e galegos e doutras procedencias. O responsable autonómico puxo como exemplo as actividades que está a desenvolver neste eido Casa de Galicia de Córdoba aproveitando o encontro cunha das súas representantes e gran colaboradora, Maribel García, entidade que está a intensificar o seu labor de difusión da cultura galega a través de diferentes iniciativas que inclúen, entre outras, a promoción dun club de lectura propio. Esta iniciativa, ademais de achegar autoras e autores galegos de recoñecido prestixio e claves para entender a cultura e as orixes da realidade galega, está a servir de reclamo para incrementar o número de persoas asociadas da entidade.

Xosé Neira Vilas e as súas Memorias dun neno labrego, por poñer un exemplo, un dos títulos que pretende abordar a proposta literaria nas vindeiras semanas, “é, non só un libro de referencia para todos os galegos, senón mesmo unha carta de presentación, unha das mellores radiografías que se pode facer de calquera de nós, sexamos de onde sexamos, como galegos”, sinalou Miranda. “Como esta, outras moitas obras poden axudar ás entidades galegas radicadas fóra da Galicia territorial a achegar a nosa terra a todo tipo de público”, engadiu.

Ao igual que a prosa, a poesía constitúe outro dos eixos sobre os que a Casa de Galicia en Córdoba senta as bases da súa programación de difusión cultural, grazas ao seu certame anual que, baixo o título de Rosalía de Castro, premia as mellores composicións poéticas.

A gastronomía galega, outro reclamo
A cultura, no máis amplo senso da palabra, convértese así nunha ferramenta inesgotable para levar Galicia a todos os recunchos do mundo a través das súas diferentes formas de expresión. Tamén a gastronomía constitúe, xunto á literatura, outra destas canles, e “un dos motores que ten Galicia para espallarse por todo o planeta, grazas tanto á súa materia prima de recoñecida calidade como ás coidadas elaboracións que están a encher de nomes propios galegos os recoñecementos máis internacionais”, afirmou o responsable autonómico.

O secretario xeral da Emigración agradeceu a toda a directiva e aos socios e socias da Casa de Galicia en Córdoba a súa implicación no bo funcionamento da entidade e mesmo na súa apertura a todos os veciños e veciñas da cidade andaluza, ás e aos turistas e ás propias cidadás e cidadáns galegos residentes nesa comunidade autónoma.

1067 lecturas