Inscrición no curso de teleformación titorizado para a obtención do CODIX (edición 1/2021)

O prazo de inscrición no curso está aberto ata o vindeiro xoves, 4 de febreiro
O prazo de inscrición no curso está aberto ata o vindeiro xoves, 4 de febreiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abriu este venres 29 de xaneiro o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada o xoves 28 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de maio.

Para preinscribirse neste curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dada de alta como persoas usuarias da rede CeMIT. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición, que se realiza por internet a través dunha nova publicada na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal),  é de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o venres 29 de xaneiro ata o xoves 4 de febreiro, inclusive.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e publicarase a relación provisional de persoas admitidas para realizar a matriculación na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente recibirán un correo confirmatorio coas instrucións para aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non aboen a citada taxa ou non xustifiquen a exención da mesma (demandantes de emprego antes da publicación da convocatoria ou persoas con discapacidade >=33%).

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Pode inscribirse directamente no seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/35402, ou a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), baixo o apartado "Actividades Destacadas".

581 lecturas