Galicia sumou no primeiro semestre do ano pasado 7.026 habitantes máis das e dos que saíron

O Instituto Nacional de Estadística publica hoxe as cifras dos movementos migratorios, que reflicten, nos primeiros seis meses de 2019, un incremento do saldo migratorio co estranxeiro dun 37% con respecto ao mesmo período do 2018.

A porcentaxe supón unha suba de preto de dúas mil persoas respecto ás 5.126 do semestre inicial de 2018, ano que reflectiu o mellor dato histórico do saldo migratorio tras duplicar os rexistros de 2017.

As e os menores de 45 anos suman 5.105 persoas, representando máis do 72% do total de novas e novos habitantes.

O INE publica hoxe as cifras de movementos migratorios, tanto as definitivas de 2018 como as provisionais do primeiro semestre de 2019
O INE publica hoxe as cifras de movementos migratorios, tanto as definitivas de 2018 como as provisionais do primeiro semestre de 2019
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020.

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de publicar hoxe as cifras de movementos migratorios, tanto as definitivas de 2018 como as provisionais do primeiro semestre de 2019. Neste marco, cómpre salientar que Galicia, segundo os datos oficiais, incrementou o saldo migratorio co estranxeiro nun 37% neste período con respecto aos primeiros seis meses do 2018. 

Así, se no semestre inicial dese 2018 a comunidade sumou 5.126 habitantes máis das e dos que saíron, no período equivalente do ano pasado a diferencia positiva ascendeu ata os 7.026. Delas e eles, 902 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 12% en relación aos 6 meses iniciais de 2018. 
 
Este incremento de case 2.000 persoas cobra máis relevancia aínda se se ten en conta que o 2018 rexistrou o mellor dato histórico deste saldo migratorio tras duplicar os rexistros de 2017.  

Cabe destacar tamén que as e os menores de 45 anos supoñen máis do 72,5% do total de novas e novos habitantes, sumando este grupo de idade 5.105 persoas máis das que saíron. Así mesmo, a provincia de Pontevedra é a que experimenta unha maior suba poboacional, gañando 2.684 persoas, seguida da Coruña (2.572), Ourense (890) e Lugo (880). 

No que respecta ás nacionalidades, a que máis presenza ten nos datos é a venezolana, coa chegada de 2.453 persoas máis das que saíron, seguida de Colombia (920), Brasil (654) e O Perú (472).  

Esta tendencia á alza dos datos provisionais do primeiro semestre do 2019 non fan se non constatar as cifras definitivas de 2018, que reflicten un saldo positivo en Galicia –tendo en conta os movementos co resto de comunidades autónomas- de 13.252 persoas máis das que saíron. 

O maior incremento deste saldo respecto ao 2017 recóllese nas e nos estranxeiros, con 10.062 persoas –un aumento do 110%-; e tamén existe un elevado incremento do saldo das e dos españois, con 3.190, o que supón unha mellora do 72,8%.

En imaxes
262 lecturas