Feijóo preside unha reunión telemática coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para seguir a evolución da pandemia nos países con máis poboación galega

O presidente da Xunta amosou unha especial preocupación pola situación en Brasil e A Arxentina.

Trátase da terceira videoconferencia que celebran os responsables do Goberno galego coas e cos representantes electos das cidadás e os cidadáns galegos do exterior durante o Estado de Alarma.

  • Imaxe da videoconferencia desta tarde na sede do Goberno galego en San Caetano (Santiago de Compostela)
    Imaxe da videoconferencia desta tarde na sede do Goberno galego en San Caetano (Santiago de Compostela)

Vídeo da reunión desta tarde
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta tarde unha reunión telemática coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para seguir a evolución da pandemia do coronavirus nos países cunha maior presenza galega. Mentres que en Europa a epidemia semella estar chegando a unha fase de certa estabilidade, en moitas rexións de América a ameaza está a facerse máis real a medida que avanzan no outono e o inverno. Por iso, o titular do Executivo galego amosou especial preocupación pola situación das galegas e os galegos do Brasil, un dos países que está a ser castigado pola covid-19, e A Arxentina, o que acubilla unha maior poboación orixinaria de Galicia e que está a mirar con precaución a expansión do virus polas zonas más pobres e ateigadas da súa capital, Bos Aires.

A de hoxe é a terceira videoconferencia que os responsables do Goberno galego manteñen coa Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas desde que comezou o Estado de Alarma para preocuparse pola colectividade galega no exterior, logo dun primeiro encontro presidido por Alberto Núñez Feijóo o 13 de abril e un segundo, encabezado polo vicepresidente, Alfonso Rueda, o pasado 4 de maio. 

O órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade, que se renovou o pasado mes de decembro, está conformado polo Centro Cultural y Deportivo Valle Miñor de Montevideo (O Uruguai), a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía (O Brasil), a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires (A Arxentina) e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro da Habana (Cuba) por América; o Centro Cultural Gallego de Cuxhaven (Alemaña), o Centro Galego de Londres (O Reino Unido), o Centro Galego de Lisboa (Portugal) e a Asociación "As Xeitosiñas" de Zürich (Suíza), por Europa; e o Centro Gallego de Salamanca, o Lar Gallego de Sevilla, o Centro Galego de Castelló, "O Aturuxo", e a Unión de Asociacións Galegas de Cataluña (Augalcat) por España. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas. 

725 lecturas