Emigración ofrece novos contidos dedicados ao Xacobeo 21-22 no seu espazo do Fondo de Proxectos Culturais

Esta semana descubriremos o camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Oia, o concerto dedicado á peregrinación a Santiago da soprano Mercedes Hernández, a beleza da costa da provincia de Pontevedra e da danza clásica.

Pódense visionar na páxina de GaliciaAberta a través de catro contedores: Xacobeo, Ciencia e historia de Galicia, Música e Artes escénicas.

Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Oia
Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Oia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración segue a difundir, a través da súa plataforma web (GaliciaAberta – https://emigracion.xunta.gal), os contidos audiovisuais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, co obxectivo de que as galegas e galegos do exterior poidan desfrutar destes contidos musicais, culturais e cinematográficos que os acheguen máis a Galicia.

Nesta ocasión achegámonos ao Camiño Portugués pola Costa ao seu paso por Oia, a través dunha creación audiovisual que conta coa participación de Aida Tarrío, do trío Tanxungueiras, que mostra o papel da muller na transmisión do patrimonio inmaterial galego e da lírica popular vencellada ao Camiño e ao mar.

No capítulo de Ciencia e historia galega coñeceremos a beleza da costa do infinito azul de Pontevedra da man de Pío García, que pon en valor a riqueza paisaxística, etnográfica, histórica e turística dos 389 quilómetros de costa que unen A Guarda con Catoira.

En canto ás Artes escénicas, destacar a proposta de Susana González Castro, As Cores do Camiño, unha creación coreográfica innovadora e orixinal que fusiona a danza clásica coa danza tradicional galega. A curtametraxe explora a través destes bailes o poder e o significado das cores e máis a súa relación coas emocións e co Camiño de Santiago.

Finalmente, descubriremos a voz da soprano Mercedes Hernández, fundadora do grupo de música antiga Resonet, quen acompañada polo músico Fernando Reyes ofrece un repertorio de composicións da peregrinación a Compostela na Idade Media que atoparon nos camiños de Santiago a liña de unión de músicas vangardistas e ancestrais, de diferentes procedencias e distintas linguas. 

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral da Emigración tenta achegar á nosa colectividade do exterior os contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, de cara a promocionar a nosa lingua e cultura entre os galegos e as galegas do exterior.

448 lecturas