Emigración contará, dende mañá, cun novo espazo dedicado ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

O novo apartado, que se poderá contemplar na páxina de GaliciaAberta, ofrecerá audiovisuais galegos a través de catro contedores: Xacobeo, ciencia e historia galegas, música e artes escénicas.

Os primeiros contidos estarán centrados na figura da muller galega, conmemorando así o 8 de marzo.

Antonio Rodríguez Miranda, durante a presentación do novo espazo da web da Secretaría Xeral da Emigración
Antonio Rodríguez Miranda, durante a presentación do novo espazo da web da Secretaría Xeral da Emigración
Presentación do #FondoX21 #aCulturaSegue
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración difundirá a través da súa plataforma web (GaliciaAberta – https://emigracion.xunta.gal), a partir do próximo 8 de marzo, un novo espazo dedicado ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, co obxectivo de que os galegos e as galegas do exterior poidan desfrutar destes contidos musicais, culturais e cinematográficos que lles acerquen máis a Galicia.

Segundo apuntou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “este novo apartado fará chegar á nosa colectividade do exterior os contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, de cara a promocionar a nosa lingua e cultura entre os galegos do exterior”.

Deste xeito, a través de catro contedores (Xacobeo, ciencia e historia galegas, música e artes escénicas), cada semana iranse engadindo proxectos deste fondo a este espazo. 

A iniciativa estrearase o próximo luns, 8 de marzo, co gallo do Día da Muller, engadindo así varios contidos audiovisuais relativos á importancia da figura da muller en Galicia en tódolos eidos da sociedade. Deste xeito, durante esta semana, as persoas interesadas poderán ver os documentais Saberes de Muller, de Omar Rabuñal, que recolle a tradición oral galega de boca de mulleres que viven na comarca de Bergantiños, así como as súas historias persoais e vitais. Tamén se difundirá Anónimas Camposinas, unha curtametraxe da artista Genma Marqués que pon en valor a figura da muller en catro lavadoiros da Guarda. No contedor de Música poderase desfrutar do vídeo musical da compañía Queimán e Pousa coa canción Alalá Meigo da Triloxía Meiga, e en Artes Escénicas coñeceremos unhas das personaxes características do entroido galego, As xeneralas da Ulla.

904 lecturas