Emigración axudou a 204 familias galegas do exterior en situación de emerxencia social urxente e extraordinaria durante este ano de pandemia

O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que as familias que recibiron estas axudas residían en 6 países distintos.

Estes apoios económicos oscilaron entre un mínimo de 195 euros e un máximo de 850, dependendo do país de destino.

Foto de arquivo do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia
Foto de arquivo do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021.

A Secretaria Xeral da Emigración destinou en 2020 un total de 200.000 euros que permitiron apoiar a 204 familias galegas do exterior que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atoparon en situacións de emerxencia social, especialmente derivadas da situación de pandemia xerada pola Covid-19.

Tal e como explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “este programa de axudas pretende atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial e que precisen dunha atención urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade social”.

Os beneficiarios destas axudas son persoas emigrantes galegas e o os seus fillos  de Venezuela, Uruguai, Cuba, México, Arxentina e Brasil, que posuían a condición de persoas galegas residentes no exterior. Excepcionalmente, para o caso de ter que realizar un viaxe as persoas as cales se refire este punto e que non poidan valerse por se mesmas, tamén puido ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón.

Esta liña de axudas continuará en 2021, a través de fondos adicionais, cunha próxima convocatoria.

963 lecturas