Emigración abre o prazo de solicitude das 200 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para atraer aos mellores expedientes universitarios

O DOG publica hoxe a nova liña de axudas que estará aberta ata o 30 de abril.

Na nova convocatoria aumentarase o número de bolsas ata chegar ás 200 de cara a incentivar a que os galegos e galegas do exterior de alta cualificación fixen a súa residencia e a súa actividade laboral na comunidade autónoma.

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros.

Os interesados e interesadas poderán comezar a solicitar estas bolsas a partir de mañá e ata o 30 de abril
Os interesados e interesadas poderán comezar a solicitar estas bolsas a partir de mañá e ata o 30 de abril
Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), cuxa quinta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada. 

Os interesados e interesadas poderán comezar a solicitar estas bolsas a partir de mañá e ata o 30 de abril. As persoas beneficiarias deben ser galegas por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituadas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). 

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

Para máis información: https://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2021

1554 lecturas