Convocados os cursos presenciais das ‘Escolas Abertas 2013’ de Emigración, que aumentan este ano as prazas pola súa demanda

O obxectivo deste programa anual da Xunta é facilitar o acceso á formación especializada aos galegos e galegas residentes no exterior en gaita, baile, percusión, canto e pandeireta, e este ano, como novidade, confección de traxe tradicional.

Convocados os cursos presenciais das ‘Escolas Abertas 2013’ de Emigración, que aumentan este ano as prazas pola súa demanda
Convocados os cursos presenciais das ‘Escolas Abertas 2013’ de Emigración, que aumentan este ano as prazas pola súa demanda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de facer pública a convocatoria das bases para os obradoiros de especialización de carácter presencial previstos no Programa Escolas Abertas 2013, dirixido tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns e cidadás individuais residentes no estranxeiro, e que terán lugar no vindeiro mes de xullo.

As solicitudes deberán presentarse ata o 15 de abril, e pódense levar á sede da propia Secretaría Xeral en Santiago, ás delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, oficinas consulares, consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio  ou residencia da persoa solicitante, así como descargalas a través da web http://emigracion.xunta.es, coa documentación e segundo os requisitos que detalla a resolución hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.

O número de beneficiarios e beneficiarias aumenta este ano ata chegar ás 90 prazas, das que 75 están reservadas para persoas procedentes de Latinoamérica, 10 para as e os emigrantes noutros países europeos distintos a España, e 5 aos doutras comunidades autónomas españolas distintas a Galicia.

Unha nova disciplina
Ademais de aumentar o número de prazas, crecen tamén as especialidades ás que se poden optar. Se o ano pasado podíase optar a gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, e mais canto popular e pandeireta, nesta ocasión increméntase a oferta coa disciplina de confección de traxe tradicional.

A resolución hoxe publicada detalla o procedemento e criterios de selección das e dos participantes nas cinco especialidades, e cómpre salientar que se trata de disciplinas que contan cunha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, o que propiciou que nesta convocatoria aumentasen as prazas e tamén o tipo de estudos a cursar.

Emigración faise cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros, e tamén da estadía e viaxe de todos e todas as participantes neste programa, que han ser sempre maiores de idade. ‘Escolas Abertas’ é unha iniciativa que conta xa cunha longa tradición, e esperta unha importante expectación entre a diáspora galega.

 

Máis información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes: Escolas Abertas presenciais 2013

1782 lecturas