ARTIGO DO PRESIDENTE DA XUNTA SOBRE A FIGURA DE ADOLFO SUÁREZ

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014.

Cando Adolfo Suárez toma as rendas da transición, estaba aínda vixente a terrible advertencia que Antonio Machado facía ao "españolito" que viña ao mundo. "Unha das dúas Españas xearache o corazón", dicía o poeta. Non parecía haber máis alternativa que afiliarse a un dos bandos fratricidas, ou perecer vítima deles, como lle sucedeu por certo ao autor do célebre poema.

A historia do noso país resumíase nese dilema terrible. Certamente non só recollía enfrontamentos civís, pero incluso os períodos de paz estaban presididos polo desquite. Non eran as nosas paces ecuánimes, senón que nelas existían sempre vencedores e vencidos. Uns gobernaban, rexían as vidas dos cidadáns e ata redactaban constitucións, mentres que os outros se limitaban a soportar, agardando a quenda que lles permitira vingarse. Era unha espiral interminable que á morte de Franco volve sobrevoar o destino dos españois.

Por máis que soe a grandilocuente, a verdade é que Adolfo Suárez inaugura unha historia diferente. Faino baseándose nun principio que expuxo durante a presentación da Lei da reforma política, en 1976: "o futuro non está escrito porque só o pobo pode escribilo”. Situar a vontade popular por enriba dun destino que sempre nos fora ingrato, foi a grande achega do home que acaba de deixarnos. Suárez díxonos que España non era un país maldito, nin predestinado ao preito permanente, e demostrou que a reconciliación das dúas Españas era posible.

Adolfo Suárez fixo que os españois crésemos en nós mesmos, devolveunos confianza e autoestima, destruíu o tópico de que só podiamos ser gobernados con man dura. Grazas a iso estableceu coa sociedade unha complicidade que poucos políticos lograron. A clave deuna nunha frase que segue tendo plena vixencia para todos os que desempeñamos responsabilidades públicas. Para o primeiro presidente que abre as portas á liberdade, a democracia non é outra cousa que "elevar á categoría política de normal, o que a nivel de rúa é plenamente normal".

Non había manuais para pilotar a transición. Non se contaba con precedentes do paso pacífico dunha ditadura a unha democracia no noso ámbito internacional, e menos aínda no noso pasado. A grande inspiración encóntraa Suárez na sociedade mesma, anguriada por unha disxuntiva que parecía excluínte entre continuísmo e ruptura. Coa tutela permanente da Súa Maxestade o Rei, abre unha terceira vía pola que poden camiñar non só os españois de entón, senón tamén os do futuro.

Ao facelo, Adolfo Suárez reivindica algo sistematicamente denigrado pola ditadura: a política. Nuns tempos nos que a política suscita receos, en ocasións explicables por comportamentos pouco edificantes, o seu recordo é tamén o recordo dunha Política con maiúsculas que une, remove obstáculos e encontra unha solución para cada problema.

Adolfo Suárez non é un tecnócrata, nin alguén que aplique receitas publicadas por especialistas. É un político, capaz de implicar coas súas palabras e os seus feitos a todo un país. A proba de que a maior xesta dos últimos séculos do noso país leva o selo de Adolfo Suárez, é que os españois vivimos na súa herdanza.

O camiño que el trazou segue aberto. Por el segue transitando a democracia, e seguimos camiñando os españois sen medo a que a outra España nos xee o corazón. Hai dúbidas, padecemos imperfeccións, soportamos crises de todo tipo, pero para solucionar todos os desafíos, contamos co recordo dun home excepcional.

El ensinounos que a política é nobre. Grazas a el aprendemos que España é unha nación diversa e unida, capaz de escribir por si mesma a historia.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

804 lecturas