Alfonso Rueda e Santiago Camba realizan esta fin de semana unha visita institucional a Arxentina e Uruguai

Listen to this page using ReadSpeaker
9 de marzo de 2012.

Xunta de Galicia. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, inician esta fin de semana unha visita institucional ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, na que manterán distintos encontros coa colectividade galega.

Está previsto que Rueda e Camba visiten a Delegación da Xunta en Bos Aires, onde asinarán unha serie de convenios de colaboración con distintos centros galegos da capital arxentina e Mar de Plata. Así mesmo, o conselleiro e o secretario xeral aproveitarán tamén para reunirse nunha cea cos presidentes dos centros galegos bonaerenses.

A continuación, os representantes do Goberno galego desprazaranse ata Montevideo (Uruguai) onde, tras visitar a Delegación da Xunta, inaugurarán as novas instalacións de recuperación cardíaca no Centro Galego de Montevideo. Ao igual que en Bos Aires, Rueda e Camba aproveitarán para reunirse nunha cea cos e coas representantes das comunidades e entidades galegas de Uruguai.

A visita institucional rematará coa participación do conselleiro e o secretario xeral da Xunta na celebración da Gran Romaría Galega en Montevideo.

1188 lecturas