250 persoas galegas maiores de 65 anos do exterior poderán reencontrarse coa súa terra grazas ao programa Reencontros con Galicia da Xunta
O Consello do Goberno galego analizou hoxe a nova convocatoria desta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, que se desenvolverá do 7 ao 17 de outubro de 2026.
As persoas beneficiarias terán a oportunidade de gozar dunha estadía nas residencias de tempo libre da Xunta en Panxón-Nigrán e O Carballiño, participar nun completo programa de actividades e reforzar os seus lazos familiares.
En resposta ao incremento da demanda rexistrada en cada edición, ofrécense medio cento máis de prazas e incorpórase a participación de persoas residentes en Europa, que se suma á procedencia de América xa prevista.
No marco do compromiso da Xunta coa colectividade galega do exterior, destacan tamén iniciativas destinadas á mocidade, como Conecta con Galicia no Camiño, Conecta co Voluntariado en Galicia ou a primeira edición de Avénturate con Galicia.
O Consello da Xunta analizou hoxe a convocatoria 2026 do programa Reencontros con Galicia, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral da Emigración co obxectivo de favorecer o reencontro coa súa terra de orixe das persoas galegas maiores de 65 anos residentes no exterior.
O programa desenvolverase entre o 7 e o 17 de outubro de 2026, coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, e durante a súa estadía as persoas beneficiarias aloxaranse nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en PanxónNigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), onde participarán nun completo programa de actividades socioculturais orientadas a favorecer o contacto coa realidade galega actual, o achegamento á cultura galega e o reforzo dos lazos familiares e afectivos.
Ademais, a convocatoria deste ano consolida o crecemento progresivo da iniciativa tanto no número de prazas como no seu alcance territorial. En concreto, amplíase ata as 250 prazas —fronte ás 200 anteriores—, en resposta ao incremento da demanda rexistrada en cada edición, e incorpórase a participación de persoas residentes en Europa, que se suma á procedencia de América xa prevista. Deste xeito, búscase garantir unha maior igualdade de oportunidades no acceso ao programa entre a diáspora galega en ambos os continentes. Cómpre salientar que na última edición de 2025 participaron preto de 200 persoas procedentes da Arxentina, o Brasil, Cuba, o Uruguai e Venezuela, cunha media de idade de 79 anos, que tiveron a oportunidade —moitos eles tras décadas desde a súa marcha— de reencontrarse coa Galicia actual e coas súas raíces.
Condicións de participación
Poderán acceder a estas axudas as persoas que teñan feitos os 65 anos o 7 de outubro de 2026, sexan emigrantes galegos, posúan a nacionalidade española e residan no exterior de forma continuada durante, como mínimo, os dez últimos anos.
As persoas participantes poderán viaxar acompañadas polo seu cónxuxe, parella ou familiares próximos. No caso das persoas maiores de 85 anos, establécese a obriga de viaxar cunha persoa acompañante de entre 30 e 70 anos e amplíase o grao de parentesco ata o cuarto grao de consanguinidade.
As axudas consistirán no financiamento total ou parcial —en función do nivel de ingresos da unidade familiar— do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía nas residencias de tempo libre dependentes da Xunta de Galicia xa mencionadas. Do total de prazas ofertadas, 134 contarán con financiamento total do desprazamento por parte da Xunta e 116 funcionarán baixo un sistema de copagamento, con achegas de 600 euros no caso de residentes en América e 250 euros no caso de residentes en Europa. Está previsto que se publiquen no DOG o vindeiro 13 de maio.
Apoio á colectividade exterior
A Xunta ten como prioridade promover a participación da colectividade galega do exterior na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vencellos coa súa terra de orixe. Así, a este programa analizado hoxe súmanse outras iniciativas destinadas á mocidade —coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude— como Conecta con Galicia no Camiño e Conecta co Voluntariado en Galicia, grazas ás cales unhas 140 persoas mozas galegas residentes no exterior poderán fortalecer este ano os vínculos coa Comunidade galega a través de estadías de máis de 10 días durante o verán. Ademais, vén de publicarse no DOG a primeira edición de Avénturate con Galicia, e permitirá que rapaces e rapazas do exterior de entre 10 e 17 anos participen nos campamentos de verán do Goberno galego.
En paralelo, a Xunta segue reforzando o seu compromiso co retorno no marco da Estratexia Galicia Retorna, que inclúe un cento de medidas dotadas con máis de 450 M€ para aquelas persoas que decidan regresar a Galicia, con programas específicos como o Retorna Cualifica Emprego (2,3 M€), cuxa nova edición abrirá o vindeiro 12 de maio, ou a realización de feiras de emprego en orixe como as previstas no Brasil no mes de xuño.
Novas relacionadas




