Exposición "Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas - Séculos XV-XVII", na Coruña
Do venres 11 de setembro ao domingo 25 de outubro, na sede da Fundación Barrié na Coruña, permanecerá exposta a mostra Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas - Séculos XV-XVII, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié.
Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV- XVII é unha exposición producida polo Consello da Cultura Galega baixo o comisariado de Ofelia Rey Castelao na que se amosa as consecuencias que tivo para Galicia a expedición Magalhães/Elcano, que partiu hai 500 anos.
Deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.
Unha trintena de paneis repasan a historia desta época da navegación galega e como esta historia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.
Inventio mundi recupera a historia de grandes navegantes como Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba; Fernando de Andrade, responsable de varias viaxes oceánicas de Galicia; Gómez Pérez das Mariñas, que navegou polo Pacífico ou Pedro Sarmiento de Gamboa, clave para entender a cartografía da época, entre outros.
Faladoiro A Galicia navegante no imaxinario literario:
- Entre as actividades complementarias á exposición terá lugar un faladoiro coordinado e moderado por Olivia Rodríguez e abordará a importancia que as navegacións tiveron na nosa Literatura.
- Nesta mesa redonda participarán Marilar Aleixandre, Manuel Bragado e Pemón Bouzas.
- Data e horario: venres, 18 de setembro, ás 19:00 h, na sede da Fundación Barrié na Coruña
Datas da exposición: do 11.09.2020 ao 25.10.2020
Horario de visita: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h
Máis info: fundacionbarrie.org | Facebook | Twitter | Instagram | YouTube
