Exposición "Alfonso X e Galicia" en Río de Xaneiro
Do mércores 8 de novembro ao venres 1 de decembro pode visitarse na Escola de Música da Universidade Federal do Rio de Janeiro - UFRJ a mostra Alfonso X e Galicia, un proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega en colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
Coa inauguración da exposición dará comezo, tamén, un programa cultural no que participan expertos/as vinculados/as ás universidades públicas das cidades de Río de Xaneiro e Niterói, así como outros/as convidados/as a instancias destes/as colaboradores/as. No conxunto de actividades ocupa un lugar central a lírica galega medieval, pero ábrese espazo a outros aspectos relacionados cos proxectos políticos e a vasta actividade cultural do monarca. Esta etapa forma parte dun itinerario por Brasil, nesta ocasión acompañando a Alfonso X aínda na celebración do octavo centenario.
Comisariada polo Dr. Antoni Rosell (Universitat Autònoma de Barcelona), a mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das Cantigas de Santa Maria pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo.
A proposta afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media. O relato permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.
Programa: Descargar
Cartel: Descargar
Máis info: consellodacultura.gal | musica.ufrj.br
