Conferencia "Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós, crónica dunha amizade", en Madrid
O mércores 14 de febreiro ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid, Gonzalo Sánchez Eguren pronunciará a conferencia Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós, crónica dunha amizade.
A conferencia céntrase en momentos da vida de dous colosos das nosas letras, como foron Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós. A escritora galega e o literato canario mantiveron un estreito vínculo no que prevaleceu, por encima de cuestións sentimentais, o respecto e a admiración mutuas.
Ao longo do relatorio, faise un percorrido polos grandes momentos da escritora galega, como o de ser a primeira muller admitida como socia no Ateneo de Madrid ou o de alcanzar unha cátedra na universidade española.
Lémbrase tamén a visita que fixo a Santander, onde Benito Pérez Galdós pasaba os veráns no seu predio de San Quintín, á que Emilia chamaba “o palacete”.
Na súa curta estancia por terras da actual Cantabria, a coruñesa tivo a oportunidade de coñecer a recentemente descuberta cova de Altamira, onde contemplou aquelas cegadoras pinturas prehistóricas que tanta incerteza suscitaran e que Emilia nunca dubidou en recoñecer como auténticas, tal e como refire na súa obra Por la España pintoresca.







