Programa de viaxes "Reencontros na Casa" para residentes no exterior. Ano 2011.
Obxecto do programa:
Permitir a emigrantes galegos e fillos/as de emigrantes galegos maiores de 55 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos cos seus familiares residentes aquí.
Prazas convocadas, achegas económicas e datas de realización:
1. Prazas convocadas.
A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2011 do seguinte modo:
- Arxentina 108
- Brasil 18
- Cuba 14
- Uruguai 90
- Venezuela 7
- Outros países 4
- Total 241
As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 241 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.
O 90% das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados na base reguladora primeira números 1 e 2 e o 10% restante ás persoas que cumpran os requisitos da base reguladora primeira, número 3. Esta asignación de prazas poderá redistribuírse no caso de que non se cubrisen algunha das cotas anteriores.
O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.
2. Axudas económicas.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60% do custo da viaxe a Galicia dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida, fixados pola Secretaría Xeral da Emigración, en América, ata o lugar de destino designado en Galicia. Farase cargo do 80% naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade en 2010 non superou os 2.550 € anuais. Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias debido a controis cambiarios, poderá sufragarse o 80% da pasaxe, aínda que a dita base de cálculo supere a cantidade indicada de 2.550 euros anuais.
3. Datas de realización.
As datas de realización serán a finais do mes de xuño.
Beneficiarios/as:
1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galego.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América.
1.4. Ter cincuenta e cinco anos ou máis de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
1.6. Para ser beneficiarios/as deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que podan residir durante a súa estadía en Galicia.
1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Traballo e Inmigración para o ano 2011, segundo países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70% da devandita cifra polo número de conviventes menos un.
2. Poderán ser beneficiarios/as as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa indicados no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
3. Tamén poderán ser solicitantes os fillos/as de emigrantes galegos que teñan a condición de galego e cumpran os requisitos indicados nos apartados 1.2, 1.3, 1.4, 1.5, 1.6, 1.7 e 1.8
Características do programa:
1. A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.
2. Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estadía en Galicia.
3. Os beneficiarios/as deberán ingresar na axencia de viaxes designada a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para a realización da viaxe. Entenderase que os que non cumpran con este requisito desisten da súa solicitude.
4. A prestación de asistencia sanitaria dos/as beneficiarios/as será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.
Documentación a presentar:
1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:
a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.
b) Para os solicitantes que posúan a nacionalidade española e estean en posesión do documento nacional de identidade, autorización expresa á Secretaría Xeral da Emigración para a verificación dos datos de identidade. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.
c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten o programa por aplicación do número 3 da base reguladora primeira, deberán acreditar ser fillos de emigrante galego e ter a condición de galego mediante a inscrición no censo de residentes ausentes nun concello galego.
d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución, conforme o solicitante é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
h) Fotografía actual tamaño carné.
i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
j) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou outros entes tanto públicos coma privados, para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo II).
k) Declaración responsable conforme o solicitante está ao día nas súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma, que se poderá presentar no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo II).
2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante emigrante galego por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:
a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.
b) Documentación acreditativa da residencia en América.
c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo III desta resolución, conforme é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
d) Fotografía actual tamaño carné.
e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou outros entes tanto públicos coma privados, para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo II).
f) Declaración responsable, que se publicará como anexo II á correspondente resolución anual de convocatoria, conforme o/a solicitante está ao día nas súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.
Lugar de presentación das solicitudes:
Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.Os interesados que así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:
-
En Brasil:
- Peña Galega da Casa de España ( Río de Janeiro).
- Real Sociedade Española de Beneficencia (Salvador-Bahía).
- Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução (São Paulo).
- Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro (Santos).
-
En Venezuela:
- Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).
-
En Cuba:
- Federación de Sociedades Galegas en Cuba.
Documentación adxunta:
-Formularios de solicitude (Anexos II e III picar aquí para descargar)
Nota: Permite cubrir os datos directamente sobre o formulario e a continuación imprimir o documento. Non se pode gardar o documento xa que se perderán todos os cambios realizados.
-Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)
-Bases de cálculo (picar aquí para descargar)



