Axudas do programa "Reencontros na Terra" para residentes no exterior. Ano 2014

Listen to this page using ReadSpeaker
2435 lecturas
Información do programa e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 8 de abril de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa Reencontros na Terra para residentes no exterior, durante o ano 2014.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
15.04.2014
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:
Este programa ten por obxecto promover o contacto dos/as galegos/as residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia e cos/coas seus/súas familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas:
A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2014, do seguinte xeito:

País Nº de prazas
Arxentina 81
Brasil 9
Cuba 7
Uruguai 34
Venezuela 2
Outros países 2
Total 135


O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 135 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

Datas de realización:
As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

As viaxes serán de ida e volta, desde o país de residencia habitual do solicitante ata un aeroporto de Galicia.

As persoas participante residirán durante 14 días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

Serán por conta dos/as participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan cos/coas seus/súas familiares, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
Ata o 16 de xuño de 2014 (prazo de 2 meses contados a partir do seguinte ao de publicación).

Persoas beneficiarias:


1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galego/a.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América.
1.4. Ter 65 ou máis anos de idade, cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Empleo y Seguridad Social para o ano da convocatoria, segundo países de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.
2. Poderán ser beneficiarios/as as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga as persoas solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 anteriores e acheguen a documentación xustificativa.


Documentación a presentar:

 

  1. A documentación que deberá achegar a persoa solicitante é a seguinte:
    a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.
    b) Documento acreditativo da identidade e nacionalidade.
    c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.
    d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
    e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os/as membros da unidade económica familiar. No caso de que a persoa solicitante e/ou os/as membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
    f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
    g) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo II.
    h) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
    i) Documento no que conste se é beneficiario/a das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 10 dos criterios de selección.
  2. O/a cónxuxe ou persoa unida á persoa solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:
    a) Documentación acreditativa da identidade.
    b) Documentación acreditativa da residencia en América.
    c) Certificado médico segundo o modelo do anexo II.

Lugar de presentación das solicitudes:

  1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
    A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Nesta caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.
    As persoas interesadas que non posúan certificado e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
    * En Brasil:
    - Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
    - Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía
    - Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
    - Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
    * En Cuba:
    - Federación de Sociedades Galegas en La  Habana.
    * En Venezuela:
    - Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

    A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa interesada lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.
  2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

    En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na Rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

    Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica

Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
16.06.2014