Axudas extraordinarias e axudas reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas para o ano 2021

Listen to this page using ReadSpeaker

Avísame

4777 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Orde da convocatoria: 
Resolución do 3 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A).
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
17.02.2021
Estado: 
Procedemento aberto

Obxecto das Axudas:
A Secretaría Xeral da Emigración convoca dúas liñas de axudas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan de recursos suficientes para o ano 2021. 

  • A liña 1 “Axudas extraordinarias” ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.
  • A liña 2 “Axudas reforzo COVID-19” ten por finalidade apoiar á unidade familiar ante as dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual de pandemia.

Beneficiarios/as:

  1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

    a) As persoas galegas e nacidas en Galicia. 
    b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
    c) Os/as descendentes das persoas galegas e nacidas en Galicia.

    Requisitos comúns para as dúas liñas de axudas:
    •    Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.
    •    Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
    •    Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
    •    Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.
    Considerándose a estes efectos que son suficientes, cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren, superen o importe do IPREM mensual (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) vixente na data da solicitude. Para o ano 2021, este importe fíxase en 564,90 €.
    •    Carecer de bens patrimoniais suficientes (bens mobles e/ou bens inmobles) na unidade familiar.
    Entenderase como bens mobles suficientes, cando o valor dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar, na data de presentación da solicitude, supere o límite de 15.000 € cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado no seu caso en 3.000 € adicionais, por cada un/unha dos/as restantes membros da unidade familiar.
    Entenderase como bens inmobles suficientes, cando a suma dos valores dos inmobles de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 €, na data de presentación da solicitude.

  2. Requisitos específicos que deberán cumprirse en función da liña de axuda que lle corresponda :
    a) Liña 1 Axudas extraordinarias:
    - Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído e non fora beneficiaria desta axuda extraordinaria en convocatorias anteriores.
    b) Liña 2 Axudas reforzo COVID-19:
    Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:
    b.1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, ámbolos dous incluídos.
    b.2)  Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019 incluído, e  que non poida acceder á axuda extraordinaria porque a persoa solicitante ou algún/algunha membro da súa unidade familiar xa fora beneficiaria da axuda extraordinaria nas convocatorias dos anos 2019 ou 2020. 
  3. Quedan excluídas da liña 1 de axudas extraordinarias desta convocatoria tanto as persoas que solicitaran a axuda e  resultasen beneficiarias da mesma nas dúas convocatorias anteriores, como o resto das persoas que formasen parte da súa unidade familiar cando solicitou a axuda, en virtude das seguintes resolucións: 
    - Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro de 2019).
    - Resolución do 24 de febreiro de 2020 (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2020).
    As persoas referenciadas no apartado anterior poderán solicitar e ser beneficiarias da liña de axudas reforzo Covid 19 desta convocatoria.
  4. Así mesmo, quedan excluídas das dúas liñas de axuda desta convocatoria, as persoas beneficiarias do Programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior que inicien o máster no curso 2021/2022. 
FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

 

Outra documentación para descargar:

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.09.2021