Descende a cifra de emigrantes galegos no exterior mentres se incrementa o número de descendentes nacidos xa no seu país de destino
Segundo os datos publicados hoxe polo INE, o número de persoas que naceron en Galicia e que residen fóra volve baixar un ano máis, rexistrando 2.006 persoas menos.
En paralelo, increméntase en máis de 15.000 as persoas descendentes xa nacidas no estranxeiro, acadando actualmente unha comunidade galega no exterior de máis de 563.000 cidadáns.
O número de emigrantes galegos —persoas que naceron en Galicia e residen no exterior— volve baixar un ano máis en 2.006 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 563.303 (incremento de 15.051 persoas, un 2,75%) a 1 de xaneiro de 2026, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das persoas galegas que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino. Estas novas estatísticas manteñen o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar A Arxentina con 191.552, seguida do Brasil con 53.542 e Cuba con 51.326, O Uruguai con 45.176, Suíza con 40.825 ou Venezuela con 30.329.
Nova realidade migratoria
Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar non só a comunidade, senón toda España. Con esta finalidade, Galicia é pioneira na implementación da Estratexia Galicia Retorna que segue a facilitar que as e os galegos retornen. Precisamente o ano pasado, coñecíamos un fito importante para a comunidade galega, xa que, por cuarto ano consecutivo, acadouse unha cifra histórica de retorno. Un total de 8.439 galegos decidiron volver a Galicia dende os seus países de residencia actual.
Novas relacionadas




