O número de emigrantes galegas e galegos diminúe en 2.349, mentres se incrementou o número de descendentes nacidas e nacidos no exterior ata sumar un total de 523.856

O aumento de cidadás e cidadáns galegos residentes no estranxeiro ten a súa base na descendencia das galegas e galegos nados xa no seu país de destino.

O descenso das e dos nados en Galicia que viven fóra das nosas fronteiras continúa a tendencia que vén experimentando desde fai varios anos.

O Instituto Nacional de Estadística (INE) publica hoxe os datos a 1 de xaneiro de 2021 do Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE)
O Instituto Nacional de Estadística (INE) publica hoxe os datos a 1 de xaneiro de 2021 do Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021.

O número de emigrantes galegas e galegos volve baixar un ano máis, continuando a tendencia dos últimos exercicios, mentres a poboación galega que reside no exterior segue a incrementarse, ata alcanzar os 523.856 a 1 de xaneiro de 2021, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE). 

Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das cidadás e cidadáns galegos que viven no estranxeiro e que xa foron nados no seu país de destino. Así, mentres que hoxe residen 184 galegas e galegos máis ca o ano pasado fóra das nosas fronteiras, o número de emigrantes nacidas e nacidos na comunidade que viven no exterior é de 2.349 menos, e sitúase actualmente en 147.868 persoas. 

O país que rexistra un maior incremento da poboación galega é Arxentina, o que conta cunha maior presenza histórica galega, con 508 residentes máis para sumar 181.416; mentres Venezuela pon o contrapunto a esta tendencia cunha diminución de 968 cidadás e cidadáns galegos, pasando dos 33.278 que rexistraba o 1 de xaneiro de 2020 aos 32.310 deste ano. O continente americano perde, deste xeito, 371 galegas e galegos, sumando un total de 406.651, mentres o europeo aumenta a súa poboación de orixe galega noutros 568 ata os 112.693.

Estas novas cifras alteran lixeiramente o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar Arxentina, seguida do Brasil con 49.593 e Cuba con 44.283. Suíza superou en 2020 na cifra de galegos, 41.169, a O Uruguai con 40.541. Venezuela continúa perdendo cidadás e cidadáns galegos pero mantense no sexto lugar, con 32.310, por diante dos Estados Unidos de América con 23.175, Francia con 19.340, Alemaña con 17.600 galegas e galegos e O Reino Unido, con 15.496.

Nova realidade migratoria
Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España. Estas cifras reflicten, ademais, unha consolidación da tendencia migratoria iniciada nos últimos anos, que pon de manifesto o labor fundamental que está a levar a cabo o Goberno galego a través da Estratexia Galicia Retorna

748 lecturas