Escolas Abertas para entidades galegas do exterior. Ano 2026
Normas de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Obxecto
A Secretaría Xeral da Emigración convoca o programa de escolas abertas, obradoiros de carácter presencial, dirixidos ás persoas que están a tomar a remuda nos cargos directivos nas entidades galegas do exterior ou son susceptibles de facelo, e ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega ou forman parte do grupo de baile ou música da entidade e se comprometen a apoiar a súa labor docente na modalidade que corresponda, da confección de traxes tradicionais galegos para a entidade, ou responsables da cociña nas ditas entidades co fin de profundar no coñecemento da nosa cultura e colaborar na formación das persoas que axudan a difundir e manter viva a nosa identidade na Galicia exterior.
Características do programa
O programa consiste no desenvolvemento de obradoiros de especialización de carácter presencial que se levarán a cabo no mes de xullo en Santiago de Compostela, e consta das seguinte modalidades:
- a) Culturais:
- Baile tradicional galego
- Canto popular e pandeireta
- Gaita tradicional galega
- Percusión tradicional galega
- Confección de traxe tradicional galego
- Cociña galega
- b) Formación de persoal directivo.
Entidades beneficiarias e requisitos
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas do exterior que cumpran os seguintes requisitos:
- Para as solicitudes de persoal docente de actividades de cultura tradicional galega ou da confección de traxe tradicional
As entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías do artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade que:
a) Teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade que soliciten, con actividade continuada.
b) No caso de que as entidades, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tiveran grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.
c) Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá certificar que ten grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos.
As persoas solicitantes das modalidades anteriores deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e responsables de impartir a docencia na modalidade solicitada ou, no caso das modalidades de folclore, de formar parte do grupo de baile ou música e comprometerse a apoiar a labor docente na especialidade que corresponda, dentro da entidade solicitante.
- Para as solicitudes de persoal responsable de cociña
Poderán ser beneficiarias desta modalidade as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean inscritas nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades do Rexistro da Galeguidade que conten con servizo de cociña ou comedor que ofreza menús elaborados. Este dato debe coincidir co que figure no Rexistro da Galeguidade.
As persoas propostas deben estar traballando na cociña ou comedor da entidade galega solicitante, xa a xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a unha terceira persoa, e ter unha experiencia superior a un ano desde a data de publicación da convocatoria.
- Para as solicitudes de formación de persoal directivo
Poderán ser beneficiarias desta modalidade as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade como Comunidades Galegas, Centros colaboradores ou Federacións de Entidades e as persoas propostas deberán ter unha idade comprendida entre os 18 e 49 anos e formar parte da Xunta Directiva da entidade, polo menos, durante un ano desde a data do remate do prazo de presentación de solicitudes ou ser socio/a da entidade e comprometerse a exercer apoio á súa xestión durante dous anos, ben sexa como parte da Xunta Directiva, ben como persoal voluntario colaborador.
- Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades só poderán solicitar unha candidatura por modalidade e non poderán propoñer a participación de persoas que non teñan a nacionalidade española ou que participasen no programa de Escolas Abertas máis de dúas veces nas últimas catro convocatorias, en calquera modalidade. Se así for quedarán excluídas.
Documentación
- a) Ficha de cada unha das persoas propostas pola entidade (anexo II).
- a.1) Documento identificativo da persoa proposta pola entidade no caso de non dispor de DNI ou NIE ou opoñerse á súa consulta.
- a.2) Breve currículo da persoa aspirante en relación coa materia obxecto do obradoiro. No suposto dos obradoiros de persoal directivo con especial referencia á formación académica e a súa experiencia en xestión.
- a.3) Declaración da persoa aspirante comprometéndose durante , como mínimo, dous anos, nos seguintes termos segundo a modalidade:
A ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade como docente titular ou ben como persoal de apoio á docencia, para o suposto de obradoiros de baile, gaita e percusión tradicionais, de canto popular e pandeireta e confección de traxe tradicional.
A incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos no suposto do obradoiro de cociña galega.
A exercer apoio á xestión da entidade, ben sexa como parte da xunta directiva, ben como persoal voluntario colaborador para o suposto recollido na letra b) do artigo 2.3.
- a.4) Unha gravación en formato dixital de uso común da persoa aspirante que non exceda os catro (4) minutos para os obradoiros de baile, gaita e percusión tradicionais, de canto popular e pandeireta e de persoal directivo. Nos obradoiros de baile, canto popular e pandeireta a gravación será solista, nos de gaita e percusión sen ningún instrumento acompañando. No suposto de persoal directivo a persoa aspirante debe expoñer a súa formación e/ou experiencia en tarefas de xestión de entidades e as súas motivacións para participar no obradoiro.
- a.5) O título oficial de corte e confección ou de cociña, de ser o caso, para as modalidades de traxe tradicional ou cociña galega.
- b) Para todos os obradoiros culturais agás cociña galega: Certificación da entidade, relativa á escola ou grupo de baile, canto e percusión ou gaita (anexo III).
- c) Para o obradoiro de cociña galega: certificación de que a entidade conta con servizo de cociña ou comedor (restaurante ou cafetaría) que ofrece menús elaborados e de que os xestiona directamente ou de que ten arrendada ou cedida a súa xestión (anexo IV).
- d) Certificado de residencia fiscal emitido en 2026 polas autoridades competentes do país de residencia, no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.
Os datos que se acheguen na solicitude deben coincidir cos que figuren no Rexistro da Galeguidade.
- Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal.
Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.
Solicitudes e documentación
| FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: | Sede electrónica da Xunta de Galicia |
- Texto completo da convocatoria no D.O.G.: picar aquí para descargar
- Extracto da convocatoria no D.O.G.: picar aquí para descargar
- Ampliación do prazo de presentación de solicitudes (10/03/2026): picar aquí para descargar
- Instrucións para a cobertura da solicitude: picar aquí para descargar
Máis información
- Acceso - Sede Electrónica "Chave365" (enlace a Youtube)
Contacto e información
Para a resolución de calquera dúbida ou aclaración que necesite pode poñerse en contacto coa persoa responsable do Programa Escolas Abertas a través dos seguintes datos de contacto:
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas
Praza de Mazarelos, 15 - 15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
Correo electrónico: subdireccionxeral.emigracion@xunta.gal
Teléfonos: 981 957 353 - 981 547 256



