A Xunta reforza o apoio á contratación de titulados BEME dentro do novo modelo "Galicia Suma Talento: Emprégate"
As empresas que incorporen mozos do exterior que completaron un máster en Galicia poderán recibir ata un 25% máis de axuda.
A Xunta avanzou hoxe na posta en marcha do novo modelo Galicia Suma Talento: Emprégate, que coordina por primeira vez as accións formativas e os incentivos á contratación para facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas. Esta iniciativa, dotada con 19,7 millóns de euros, busca priorizar a contratación de quen xa completou un itinerario de formación impulsado pola Administración autonómica, pechando así o círculo da empregabilidade: formación axustada ás necesidades das empresas e un apoio público que facilite a contratación.
No marco desta renovación das políticas activas de emprego, o programa incorpora un eixo estratéxico centrado na captación de talento galego do exterior. Por primeira vez, a contía da axuda poderá incrementarse nun 25% cando a empresa contrate unha persoa que finalizase un máster ao abeiro das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos. Este incentivo recoñece o alto nivel de cualificación dos beneficiarios BEME e o seu impacto na revitalización demográfica e produtiva de Galicia.
Galicia Suma Talento: Emprégate prevé impulsar a contratación indefinida de arredor de 2.500 persoas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de inserción, entre os que se inclúen persoas retornadas e mozos formados na diáspora. As axudas poderán oscilar entre 6.000 e 14.500 euros, podendo chegar ata os 17.000 euros cando se apliquen todos os incrementos previstos, como a residencia en concellos rurais ou a contratación de perfís BEME.
O programa, que será convocado a comezos de 2026, inclúe ademais incentivos complementarios para a transformación de contratos parciais en completos, a adaptación de postos de traballo para persoas con discapacidade e o reforzo do emprego estable en sectores con necesidades crecentes de man de obra cualificada. Con este novo enfoque, a Xunta avanza cara a un modelo máis eficaz, moderno e orientado ás demandas reais das empresas e do talento galego do exterior.
Novas relacionadas




