A Xunta reforza a formación do persoal do Servizo Público de Emprego e esténdea ao das Oficinas de Retorno e Orientadores de FP para favorecer a empregabilidade

O Consello da Xunta analizou un informe sobre o plan de formación permanente do Servizo Público de Emprego de Galicia, orientado a incrementar as competencias dos seus traballadores e o aproveitamento tecnolóxico ao servizo do mercado laboral.

Por primeira vez, as accións formativas estarán á disposición tamén do persoal das oficinas de retorno, co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior.

Ademais, habilitarase un campus virtual para os orientadores de entidades colaboradoras do SPEG e dos centros de formación profesional con acción formativas específicamente deseñadas sobre temas como o mercado laboral de Galicia.

Outra das novidades de 2025 é o desenvolvemento dun curso sobre a ferramenta software EMI, implantada de xeito pioneiro nas 54 oficinas de emprego de Galicia e que se apoia na intelixencia artificial para casar a oferta e a demanda en tempo real.

Esta medida encádrase no proceso de modernización do SPEG, que está a impulsar a Xunta para consolidalo como un verdadeiro nodo de empregabilidade, referente de innovación e dixitalización e ao cal este ano destina, en total, máis de 8 M€.

A Xunta reforza a formación do persoal do Servizo Público de Emprego e esténdea ao das Oficinas de Retorno e Orientadores de FP para favorecer a empregabilidade
A Xunta reforza a formación do persoal do Servizo Público de Emprego e esténdea ao das Oficinas de Retorno e Orientadores de FP para favorecer a empregabilidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 18 de febreiro de 2025.

O Goberno galego reforzará este ano a formación do persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) no marco do seu proceso de modernización e estenderá as accións formativas ao persoal das oficinas de retorno, co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior, ademais do das persoas residentes en Galicia. Tamén habilitará un campus virtual para os orientadores de entidades colaboradoras do SPEG e dos centros de formación profesional con accións formativas especificamente deseñadas sobre temas como o mercado laboral de Galicia, a orientación profesional, as competencias laborais segundo as taxonomías europeas e o SPEG, co fin de impulsar a calidade do servizo e a empregabilidade da cidadanía.

Así o reflicte un informe sobre o Plan de formación permanente do persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia, analizado no Consello da Xunta. Esta ferramenta está orientada a incrementar e reforzar as competencias e habilidades do seu persoal, promovendo a transformación tecnolóxica e o seu máximo aproveitamento ao servizo dos retos que hoxe enfronta o mercado laboral. De feito, outra das principais novidades do plan formativo de 2025 é o desenvolvemento dun curso sobre a ferramenta software EMI, implantada de xeito pioneiro nas 54 oficinas de emprego de Galicia e que se apoia na intelixencia artificial para casar a oferta e a demanda laboral en tempo real.

Plan formativo 2025

Este plan desenvólvese desde os seus inicios a través dun convenio coa Escola Galega de Administración Pública. O correspondente ao 2025 selarase en próximas semanas co obxectivo de pór en marcha as accións formativas no segundo semestre do ano e incluirá unha gran flexibilidade na metodoloxía formativa, o que lles permitirá aos participantes organizar o seu proceso de aprendizaxe e unha maior interacción con outro alumnado e titores/as a través de foros. Ademais, actualízanse os contidos e materiais didácticos para adaptarse ás novas exixencias e cambios nos procedementos do traballo.

A medida encádrase no proceso global de modernización do SPEG, que está a impulsar a Xunta para consolidalo como un verdadeiro nodo de empregabilidade, referente de innovación e dixitalización. A este ámbito este ano a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina máis de 8 M€; inclúese o reforzo do servizo de orientación laboral e prospección empresarial, obras de renovación nas oficinas de emprego, melloras como o desenvolvemento da app de EMi ou a incorporación de novos caixeiros nas oficinas para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficacia do servizo.

Desde a súa posta en marcha no ano 2022, este programa formativo permitiu que se cubrisen con éxito arredor de 1.700 prazas nos distintos cursos impartidos relacionados con cuestións como a intermediación laboral, a inscrición das persoas estranxeiras no servizo público de emprego, as prestacións por desemprego ou servizos a empresas, entre outros. Isto favorece a eficacia da atención á cidadanía por parte do persoal do SPEG e o impulso das súas oportunidades de emprego, reforzando a boa marcha do mercado laboral da Comunidade, que acabe de rexistrar a cifra de paro máis baixa nun mes de xaneiro de toda a serie histórica, con 121.320 persoas, así como cun nivel de cotizantes de 1.067.089 persoas, o mellor dato nun xaneiro desde hai 16 anos.

Esta aposta respáldase a través de iniciativas como o convenio asinado a pasada semana entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co que se promoverá a realización de estudos de avaliación da eficacia das políticas activas de emprego e de formación impulsadas polo Goberno galego.

Retención e captación de talento

A modernización do SPEG en que se enmarca o plan de formación permanente é unha das medidas pioneiras que está a impulsar Galicia, tanto no mercado interno como no exterior, para dar resposta a retos do mercado laboral como a cobertura de vacantes. Entre elas tamén está a implantación da xa mencionada ferramenta de intelixencia artificial EMi —galardoada pola Comisión Europea— e que xa permitiu desde setembro de 2024 o perfilado competencial de preto de 40.000 persoas. Isto compleméntase con accións como o programa intensivo da demanda de emprego, encamiñado a garantir que nas listas do paro figuren exclusivamente aquelas persoas que realmente queren entrar no mercado de traballo co fin de facer máis eficaces as políticas activas de emprego. Este programa permitiu desde a súa posta en marcha en xuño de 2023 que deixen de ser demandantes de emprego dun xeito voluntario máis de 13.000 persoas e que se insiran laboralmente máis de 8.900. Para reforzar este programa, incorporouse en novembro do 2024 un compromiso de actividade —recollido na normativa estatal—, que xa asinaron arredor de 53.500 persoas. A isto súmase o impulso as microformacións ou a incentivación da entrada no mercado laboral de colectivos prioritarios ou infrarrepresentados.

Atendendo ás recomendacións da UE e de xeito complementario no que respecta aos traballadores foráneos —posto que a forza laboral interna non cobre todas as necesidades actuais das empresas e as súas previsións de crecemento—, a Xunta prioriza a atracción de talento dos galegos da diáspora no marco da Estratexia Galicia retorna; de aí a importancia de que poidan acceder a este plan formativo as persoas das oficinas de retorno. Precisamente, ao seu abeiro o vindeiro mes están programadas feiras de emprego da man de empresas galegas na Arxentina (6 e 7 de marzo) e no Uruguai (10 de marzo).

431 lecturas