A Secretaría Xeral da Emigración e a Dirección Xeral de Xuventude ultiman as convocatorias dos programas da Xunta para as mozas e os mozos galegos do exterior

Antonio Rodríguez Miranda e Cristina Pichel Toimil mantiveron esta mañá un encontro para facer balance da súa actividade conxunta e deseñar as inminentes convocatorias para este exercicio.

En 2018 máis de 230 mozas e mozos galegos residentes no estranxeiro beneficiáronse dos programas para a mocidade incluídos na Estratexia Emigración 2020.

Imaxe da reunión celebrada esta mañá en San Caetano (Santiago de Compostela)
Imaxe da reunión celebrada esta mañá en San Caetano (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, mantiveron esta mañá unha xuntanza nas instalacións da Xunta de Galicia en San Caetano para definir as convocatorias dos programas que organizan de xeito conxunto dirixidos ás mozas e aos mozos galegos do exterior. As e os responsables de ambos departamentos autonómicos aproveitaron a reunión para facer balance da actividade que levan a cabo en colaboración desde hai décadas e que só o ano pasado beneficiou a máis de 230 mozas e mozos residentes fóra das nosas fronteiras.

Os programas Conecta con Galicia e Aventúrate con Galicia, especialmente deseñados para a mocidade que vive no estranxeiro, e Escolas Abertas, cuxo obxectivo e reforzar e preservar as disciplinas relacionadas coa cultura galega que se imparten nos preto de 200 centros galegos que hai espallados polo mundo, centran a colaboración que manteñen a Secretaría Xeral da Emigración e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social.

As previsións iniciais pasan por que as convocatorias para 2019 destes tres programas sexa inminente, e permitan que na segunda quincena de febreiro estean abertos os prazos para a presentación de solicitudes.

Preto da metade teñen menos de 45 anos
Trátase de tres das 102 medidas recollidas na Estratexia Emigración 2020 especialmente dirixidas ás e aos mozos galegos residentes no exterior, que supoñen unha parte fundamental do total dos 516.489 galegos e galegas que viven fóra das nosas fronteiras, segundo os datos publicados polo INE a 1 de xaneiro de 2018. Delas e deles, máis de 228.000 teñen menos de 45 anos, o que supón preto da metade do total do padrón de cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior.

1274 lecturas