“Sodes o novo rostro de Venezuela, de España e de Galicia”, afirma Miranda como padriño da 25ª promoción do Colexio Castelao de Caracas
O secretario xeral da Emigración gabou o labor das e dos docentes do centro –cun importante prestixio e que cumpre 50 anos de actividade- e recordoulles que “poucos empeños tan nobres pode emprender un ser humano como educar en liberdade e para a liberdade”.
O alto cargo continúa viaxe visitando as colectividades galegas noutras poboacións de Venezuela, país onde residen preto de 47.000 galegas e galegos, dous terzos deles nados xa na diáspora.
O secretario xeral da Emigración coas mozas e mozos graduados do Colexio Castelao de Caracas
Na imaxe, Antonio Rodríguez Miranda con membros da directiva do Centro Gallego de Puerto La Cruz
Na imaxe, Antonio Rodríguez Miranda con membros da directiva do Centro Gallego de Puerto La Cruz
Na imaxe, Miranda e, ao seu carón (tamén de pé), o presidente do Centro Gallego de Puerto La Cruz
“Graduados e graduadas da promoción 2015 do Colexio Castelao: vós sodes o novo rostro de Venezuela, de España e de Galicia. Mellorádeas mediante o diálogo e a tolerancia, desde o rigor e a autoesixencia. Non para encerrarvos nela, senón para que desde a conciencia global, como dicía o poeta, «sexan tódolos pobos e tódolos hortos nosos». Empeñádevos en poder transmitir un día unha herdanza mellor que a que recibides”. Con estas palabras dirixíase o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ás e aos integrantes da promoción de alumnos do Colexio Castelao que este ano concluíron os seus estudos no centro.
Miranda, canda á profesora Janeth Mejías, aceptou ser padriño desta vixésimo quinta promoción de graduadas e graduados (o correspondente ao nivel previo á Universidade), no ano en que asemade o Colexio Castelao cumpre 50 anos. Trátase dunha das dúas institucións educativas en activo creadas por e para a diáspora galega, esta nun país no que arestora residen, segundo o INE, 46.882 galegas e galegos, dos que xa dous terzos (o 64’6 %) naceron na diáspora.
O titular de Emigración da Xunta tivo un recordo ao final da súa alocución ao galego universal que dá nome ao Colexio, lembrando unha das súas citas: “O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”. Nese senso, animou ás rapazas e aos rapaces presentes a involucrarse no desenvolvemento dunha sociedade mellor.
Esta mellora ha pasar por gañar espazos de liberdade para todas e todos; neste senso, Miranda dirixiuse tamén ás e aos docentes para lembrarlles que “poucos empeños tan nobres pode emprender un ser humano, poucos proxectos tan útiles pode haber para a sociedade, como educar en liberdade e para a liberdade”.
Puerto La Cruz
Miranda continúa a súa viaxe por Venezuela, para pulsar directamente a actualidade da diáspora galega no país, en Puerto La Cruz, onde visita ás e aos socios, e as instalacións, do Centro Galego desta localidade, para reunirse despois coa súa directiva. Xa na xornada do sábado, manterá un encontro coas socias e socios, e despois especificamente con mozas e mozos, da entidade. Finalmente, Miranda concluirá esta nova andaina achegándose a coñecer ás e aos socios, e as instalacións, dunha entidade senlleira na localidade costeira de Carballeda, preto de Maiquetía, o Club Tanaguarena, do que a maioría de persoas asociadas son galegas.
Con esta nova viaxe, o secretario xeral da Emigración cumpre o compromiso de manter periódico contacto directo coas comunidades galegas residentes nesa República, nestes tempos en que –igual que o resto da cidadanía- as e os paisanos residentes alí están a atravesar momentos de dificultade económica.
Novas relacionadas



