Arranca o plan de migración dos portais da Xunta ao “.gal” coa incorporación da web de Amtega ao dominio galego
Está previsto que, ao remate deste ano, empreguen o '.gal' o 30% dos 208 portais que integran o catálogo da Xunta.
O proceso completarase de xeito progresivo ao longo de 2016, ano no que tamén se migrarán as contas de correo electrónico.
O Goberno galego aprobou o pasado mes de maio o Decreto que regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia en internet baixo o dominio galego.
Esta medida, sen custo adicional para a Administración autonómica, resposta á implicación da Xunta na consecución do dominio galego en internet, unha iniciativa que apoiou institucional e financeiramente.
A incorporación ao .gal da web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) supón o arranque do Plan para a migración dos portais e servizos da Administración pública galega ao dominio .gal. Deste xeito, a Xunta dá cumprimento ao Decreto, aprobado o pasado 13 de maio, que regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Actualmente son 208 os portais que integran o catálogo da Xunta. O Plan prevé que o 30% empreguen o .gal ao remate de 2015 e que o proceso se complete, de xeito progresivo, durante 2016, ano no que se migrarán tamén as contas de correo corporativo.
Outros portais con dominio galego
A Xunta foi unha das entidades pioneiras que o 25 de xullo de 2014 se incorporou ao .gal coa activación de 9 dominios en internet. Ademais, as novas iniciativas ou as actualizacións de portais desenvolvidas nos últimos meses xa tiveron en conta a adaptación ao novo dominio. Foi o caso das novas webs da Libraría Institucional de Galicia http://libraria.xunta.gal; a do Museo das Peregrinacións e de Santiago http://museoperegrinacions.xunta.gal; a da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia http://evega.xunta.gal ou o recentemente renovado portal Eido Local, https://www.eidolocal.gal e o portal de Museos de Galicia http://museos.xunta.gal.
Apoio da Xunta ao .gal
A entrada en funcionamento do dominio .gal foi o resultado dun proceso de oito anos, impulsado pola Asociación puntoGal e que contou coa implicación de diversas institucións, entre elas a Xunta de Galicia, que apoiou a iniciativa institucional e financeiramente.
En coherencia con esta implicación, e entendendo que o dominio .gal é unha oportunidade para o posicionamento de Galicia e da lingua galega en internet, a Administración autonómica galega decidiu adoptar de maneira preferente o dominio .gal para a súa presenza na rede.
Decreto
O pasado 13 de maio o a Xunta formalizaba a consolidación do .gal como dominio que identificará todas as súas iniciativas en internet coa aprobación no Consello da Xunta do Decreto polo que se regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A adaptación ao novo dominio desenvolverase de xeito paulatino durante un prazo de dous anos e sen que supoña ningún custo adicional para a Administración autonómica.
Logro histórico
A consecución do dominio .gal foi un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadás e cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil.
Novas relacionadas



