Axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario. Ano 2014
Obxecto e finalidade das axudas:
- Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións as persoas galegas emigrantes e descendentes destas, que residan no exterior e se atopen en grave risco de exclusión ou necesidade, para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial que precisen dunha actuación urxente ou para as que teñan por finalidade sufragar os custos de viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4desta resolución e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.
- Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.
Persoas beneficiarias:
- Cidadáns/ás de orixe galega que sexan emigrantes e descendentes destes/as ata o primeiro grao por consanguinidade, residentes no exterior, que teñan nacionalidade española e estean empadroados/as nalgún concello de Galicia.
Excepcionalmente, para o caso de teren que realizar unha viaxe as persoas ás que se refire este punto e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiario/a unha persoa acompañante. - Cidadáns/ás galegos/as residentes en Galicia que sexan familiares ate o segundo grao de consanguinidade ou afinidade do colectivo de emigrantes galegos/as naturais de Galicia residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estes/as por mor de que padezan situacións extraordinarias de carácter asistencial, sanitario ou humanitario.
Requisitos das persoas beneficiarias:
a) Ter rendas, ingresos ou patrimonio insuficiente.
b) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo o da solicitude, que pola súa gravidade, requiran unha urxente atención ou ter a necesidade de realizar a viaxe para a que se solicita a axuda por mor destas razóns.
Prazo de presentación de solicitudes e documentación a presentar:
- Prazo de presentación de solicitudes: dende o 21.02.2014 ata o 30.11.2014, ámbolos dous incluídos.
- A solicitude irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:
a) Documentos acreditativos da identidade e nacionalidade española:
1. Fotocopia do DNI, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
As persoas que non dispoñan de DNI presentarán fotocopia do pasaporte.
2. Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia no exterior continuada e a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.
b) Documentos acreditativos da orixe galega. A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:
1. Ser nado en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fora en Galicia con un mínimo de dous anos continuados.
2. Atoparse vinculado a un concello galego no censo electoral de residentes ou residentes ausentes e ser descendente ata o primeiro ou segundo grao de consanguinidade, segundo os casos, dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.
c) Documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, no seu caso, da unidade económica familiar ou do acompañante e da familia de acollemento:
1. Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada da persoa interesada e/ou membros da unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.
No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba a persoa interesada e os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.
2. Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.
De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.
d) Documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, emitidos por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.
e) Para a realización de prestacións sanitarias no territorio do Estado español, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia a realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.
f) Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, certificados expedidos por organismos oficiais, acreditativos do grao de discapacidade e da necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe. Non terán que presentar esta documentación cando a persoa solicitante autorice á Secretaría Xeral da Emigración a verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando este fose recoñecido pola Xunta de Galicia, e marcando o recadro que figura no Anexo I da resolución.
3. Para o caso de que a persoa solicitante da axuda teña necesariamente que viaxar cunha persoa acompañante, esta deberá cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do Anexo II da resolución, e presentar a documentación que se especifica na letra c), do punto anterior e copia do seu DNI e pasaporte.
Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web: https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es
Lugar de presentación da documentación:
- As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como Anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
- Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Igualmente se poderán presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da persoa solicitante.
- En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na Rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica
Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)



