Presentado en Santiago o libro “El pasadizo secreto. La última fuga”, de Manuel Losa, galego afincado en Uruguai
No acto de posta de largo da obra estiveron presentes a cónsul uruguaia, o reitor da USC, a directora xeral do Patrimonio Cultural, e o secretario xeral da Emigración.
O libro relata a historia dun adolescente na dura Compostela de posguerra, e das condicións vitais que conduciron a moitas e moitos galegos á diáspora.
O Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago acolleu o acto de presentación do libro El pasadizo secreto. La última fuga, do escritor galego asentado en Uruguai Manuel Losa, quen xa ten editado varias obras de temática relacionada coa Emigración.
No acto, ademais do propio autor, estiveron presentes a cónsul xeral da República Oriental do Uruguai, Marta Echarte; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Casares; a directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Ínsua; e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; así como unha representación da colonia uruguaia afincada en Galicia, e da galega residente nesa república latinoamericana.
O libro relata o paso da nenez á mocidade dun adolescente compostelán, residente nas proximidades da Alameda –daquela as aforas da cidade, hoxe pleno centro urbano- nos duros anos da posguerra, nos que o medo e a miseria eran moeda de uso común. As condicións vitais nas que se desenvolve a vida dos protagonistas da novela explican en boa medida as causas polas que milleiros de galegas e galegos fixeron as maletas e buscaron en América o futuro e o progreso que daquela Galicia lles negaba.
O labor de todos
Precisamente, na súa alocución Miranda destacou que o libro é “tamén o retrato dunha vivencia tal vez descoñecida para as xeracións máis novas, pero que viviron en primeira persoa milleiros de galegas e galegos arestora espallados polo mundo”. O secretario xeral fixo fincapé nas achegas que durante décadas fixeron as e os emigrantes, que consolidaron a Galicia actual, moderna e inserida no século XXI.
“Compostela –dixo Miranda-, aquela viliña de provincias que Losa retrata con tanto amargo cariño, converteuse na capital autonómica e nun punto de atracción turística internacional. E así o fixo co esforzo de todas e todos, dos que se quedaron, pero en gran medida mercé ás achegas que fixestes os que vos fostes buscando unha alternativa a aquela miseria á que Galicia parecía abocada naqueles anos de sinrazón”.
O autor
El pasadizo secreto. La última fuga, publicada por Editorial Milenio, é a última obra de Manuel Losa, autor de Relato de un emigrante, De Santiago de Compostela a Montevideo, El vendedor de libros, El bosque de la Condesa, Dos cofres de plata, ou La Galicia de Montevideo, entre moitas outras obras de ensaio e tamén ficción nas que a vida da diáspora en Latinoamérica ten constante reflexo.
O autor, nado en Santiago nos anos en que sitúa a infancia do protagonista do libro hoxe presentado, reside arestora na capital charrúa, onde exerce de editor e libreiro. Socio fundador do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, é membro do Consello Directivo do Centro Galego desa capital, e integrante da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai.
Novas relacionadas




