Máis de 24 millóns de emprendemento
O Goberno galego destina máis de 24 millóns de euros a diversas liñas de subvención a emprendedores e emprendedoras, complementadas con axudas específicas á persoa retornada.
A Consellería de Traballo e Benestar destina 15,6 millóns de euros para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia de calquera galega ou galego, resida onde resida; outros 4,5 para iniciativas emprendedoras e de emprego que xeren emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres; e outros preto de 4 millóns de euros para incentivar, por primeira vez, a contratación indefinida de ata tres traballadores ou traballadoras. Asemade, a Secretaría Xeral da Emigración complementa estas axudas apoiando con ata 6.000 euros cada proxecto se a persoa emprendedora é retornada, cantidade a engadir á consignada por Traballo.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina a resolución do Diario Oficial de Galicia de data 27 de agosto, que regula as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares directos.
Estas subvencións, cun tope máximo de seis mil euros por solicitude, son compatibles e complementarias ás axudas establecidas para a poboación galega xeral por parte da Consellería de Traballo e Benestar. Estoutro departamento autonómico presentou a pasada semana unha liña de financiamento de 15,6 millóns de euros para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia; ademais, fixo públicas as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego, que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e ten por obxecto xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres; e estas iniciativas, asemade, complétanse con outros preto de 4 millóns de euros para incentivar, por primeira vez, a contratación indefinida de ata tres traballadores, unhas axudas xa publicadas no DOG o pasado mes de xuño.
Con estas liñas de subvencións ao emprendedor, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da orde de Emigración, preténdese que o retornado aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.
Esta orde persegue que o retornado poda beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, pero sobre todo que lle serva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral.
Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego residente arestora fóra da súa terra.
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos iniciais que leva consigo o establecemento das persoas emigrantes retornadas e os seus familiares directos ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notario e rexistro, taxas, licencias administrativas, material de oficina non inventariable, e honorarios profesionais externos, cun tope de axuda de 3.000 euros para autónomos e 5.000 para sociedades laborais ou cooperativas, con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos.
Os requisitos que contempla a orde é cumprir a condición de emigrante retornado (nacionalidade española e que non transcorrera máis de dous anos desde a volta a España), que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de novembro.
- Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e os dos seus familiares na Comunidade Autónoma Galega para o ano 2013
- Orde do 19 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013
- Orde do 19 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013
- Orde do 6 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións de programas desenvolvidos polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2013 cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013