A compañía Vueling recuperará os voos a Málaga, París e Zürich o próximo Nadal
Operará entre Santiago de Compostela e a cidade suíza durante cinco datas no mes de decembro e catro no mes de xaneiro.
Catro serán os días con voo entre a capital francesa e a galega durante decembro, e tres en xaneiro do ano que vén.
A compañía catalá Vueling vén de anunciar e poñer á venda parte da súa programación de voos para os próximos meses nos que se inclúe o período do Nadal. Se ben é certo que dende o arranque da tempada de inverno, o próximo 26 de outubro, unicamente terá operativa a ruta directa entre Santiago de Compostela e Barcelona, para o período do Nadal recupera os voos a Málaga, París e Zürich.
Coa recuperación destas rutas, aínda que só no período vacacional de Nadal, a compañía aumenta o seu número de prazas á venda comparado co mesmo período do ano anterior xa que en 2012 unicamente operou voos especiais a Zürich ademais dos regulares a Barcelona. Increméntase polo tanto o numero de operacións da compañía na terminal compostelá así como o de prazas ofertadas.
Deste modo, os voos directos de Santiago a Málaga, e viceversa, serán os días 21, 23, 27 e 29 de decembro e os días 2 e 6 de xaneiro. No caso da ruta entre Santiago de Compostela e París, a compañía Vueling programou voos especiais os días 21, 23, 26 e 29 de decembro así como os días 1, 3 e 5 de xaneiro. Pola súa banda, os voos directos entre Santiago de Compostela e Zürich serán os días 21, 22, 24, 27, 29 de decembro e os días 2, 3, 5 e 6 de xaneiro.
Tanto a ruta a Barcelona, que se mantén todo o ano de forma regular, así como as anteriormente citadas, xa están á venda na páxina web da propia aeroliña así como en axencias de viaxes e buscadores. No caso de Barcelona con dous voos diarios e no caso de Málaga, París e Zürich nas datas anteriormente citadas.
Fonte e foto: santiagoaeropuerto.com
Novas relacionadas




