Emigración asina en Montevideo un convenio de colaboración co maior hospital mutualista de América Latina

O secretario xeral da Emigración asistiu, ademais, ao concerto solidario de Lorena Lores e Lucía Pérez na capital uruguaia, en beneficio doutra entidade senlleira, o Hogar Español de Ancianos.

O éxito deste concerto, similar ao celebrado hai uns días en Bos Aires a favor das e dos afectados polas inundacións de La Plata, demostran os bos froitos que dá a colaboración entre as entidades galegas do exterior.

Rodríguez Miranda visita asemade nesta fin de semana tres localidades do interior de Arxentina con elevada presenza da diáspora galega.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou en Montevideo un convenio de colaboración coa Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, entidade que se caracteriza por prestar servizos sanitarios e asistenciais ás persoas en situación máis precaria, moitas e moitos deles cidadáns galegos e galegas.

Trátase, asemade, da entidade que xestiona o maior hospital mutualista da América Latina, e o primeiro que se fundou. Durante a súa xornada na capital uruguaia, Miranda departiu ademais co embaixador español en Uruguai, o ex conselleiro Roberto Varela, sobre a situación da colonia galega alí radicada.

O alto mandatario autonómico rematou a súa andaina na capital acudindo ao concerto solidario a beneficio do Hogar Español de Ancianos, iniciativa coa que se axuda a financiar as actividades desta entidade, que tamén presta servizos a moitos e moitas cidadáns galegos e galegas. O evento celebrouse na Sala Sodre do Auditorio Nelly Goitiño, coa colaboración de diversas entidades e institucións -entre elas a Unión de Sociedades Galegas no Uruguai, a Secretaría Xeral da Emigración e a Delegación da Xunta en Montevideo, e a Embaixada española-, e moi nomeadamente das artistas protagonistas, as cantantes galegas Lorena Lores e Lucía Pérez.

Estas dúas artistas subiron ao escenario de maneira altruísta, e a súa actuación tivo como prólogo un recital de grupos artísticos das comunidades galegas presentes en Montevideo. Lorena Lores, como tantas e tantos outros cidadáns galegos, é filla de emigrantes, polo que a diáspora é para ela un ámbito familiar e querido. No caso de Lucía Pérez, os seus primeiros éxitos profesionais tiveron lugar precisamente en Latinoamérica, e tense arestora convertido nunha icona das galegas e dos galegos do exterior tralo seu paso polo Festival de Eurovisión, celebrado en Düsseldorf hai agora tres anos, o 14 de maio de 2011.

Arxentina
Miranda viaxa hoxe sábado á República Arxentina, onde visitará enclaves senlleiros da diáspora en tres localidades do Gran Bos Aires, e mañá domingo outras dúas do interior do país. Así, en primeiro termo cursará visita ao Centro Galego de Avellaneda, fundado en 1899 polos primeiros galegos e galegas asentados nesta cidade do cinto da capital arxentina.

Despois, achegarase ata o Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, entidade fundada en 1943 e coa que colabora a Xunta de Galicia, que desde o citado ano presta ininterrompidamente un exemplar servizo asistencial ás e aos maiores en situación máis precaria nacidos e nacidas na Galicia territorial e agora residentes na Arxentina, labor pola que se lle outorgou a Medalla de Galicia, na súa categoría de prata, no ano 1994.

Tamén visitará o secretario xeral o Hospital Español na localidade de La Plata, cuxo embrión data de 1886, que presta asistencia sanitaria a unha porcentaxe moi relevante da cidadanía galega alí residente, e que resultou seriamente afectado polas inundacións de abril que asolagaron boa parte da localidade. Precisamente, a colectividade galega, a Secretaría Xeral da Emigración, e a Embaixada española en Arxentina, organizaron en Bos Aires un concerto similar ao de onte en Montevideo, en beneficio do Hospital, e que tivo lugar hai uns días na capital arxentina.

Unión e forza
Precisamente, estes dous concertos solidarios -e o éxito que acadaron- dan boa proba da importancia da unión de esforzos entre as entidades galegas do Exterior, unha mensaxe na que adoita facer fincapé o secretario xeral da Emigración en tódalas súas viaxes.

Tamén en La Plata, o secretario xeral da Emigración visitará o Centro Galego, fundado no ano 1949, e que serve de lugar de encontro das e dos milleiros de galegos asentados na cidade. Esta entidade, e mailo delegado en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, coa súa presenza sobre o terreo, mantiveron permanente contacto coa Xunta de Galicia desde o primeiro momento en que tiveron lugar as inundacións, coa fin de facer un seguimento da situación.

Agora, Rodríguez Miranda estudará as posibilidades de intensificar a colaboración coas familias galegas danadas polas inundacións a través do Centro Galego, dando así continuidade ao traballo neste sentido levado a cabo polas institucións galegas e españolas presentes na República Arxentina.

Domingo
No interior do país, e xa na xornada de mañá domingo, desprazarase ata Rosario, onde participará nunha ofrenda floral en homenaxe a Rosalía de Castro no Parque da Independencia organizada polo Centro Galego da localidade, cuxas instalacións visitará despois. O Centro serve desde o ano 1956 de catalizador das inquedanzas da colonia galega asentada nesta cidade do interior do país, especialmente no eido cultural e musical. Despois, Miranda rematará esta nova viaxe oficial no Centro Galego de Santa Fe, outra das cidades senlleiras do interior arxentino, con destacada presenza de cidadás e cidadáns galegos, fundada en 1919.

1145 lecturas