O primeiro parque temático de occidente

Os irmáns García Naveira construíron en Betanzos en 1893 "O Pasatempo".
O primeiro parque temático de occidente

Un xigantesco león que mira a Betanzos, o estanque do Retiro, os escudos das "Dezaoito fillas republicanas da España monárquica", escenas co sacrificio do indio Tupac Amaru, a morte dos cristiáns no circo romano ou o fusilamento de Torrixos, todos os escudos de todas as provincias arxentinas, o obelisco da Avenida 9 de Xullo de Bos Aires, un aeroplano, a mesquita de Mohamed Alí, a Muralla China, a Canle de Panamá, unha gruta inspirada na obra de Gaudí, a pirámide de Keops, a árbore de Guernica... Estas son algunhas das fabulosas representacións que nos sorprenden no Parque do Pasatempo de Betanzos, empezado a construír en 1893 e concluído aproximadamente en 1914, está considerado o primeiro parque temático (ou "enciclopédico" como o definiu Luis Seoane) da historia. Nos anos vinte do século pasado era citado en numerosas guías turísticas europeas como parada inescusable para aqueles viaxeiros e peregrinos. Foi obra dos irmáns García Naveira, emigrantes indianos que, coa fortuna acumulada e xa de retorno a Galicia, realizaron todo tipo de obras sociais e culturais na súa cidade natal que hoxe lles rende homenaxe cunha merecida estatua no centro da que foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia, Betanzos.

O Parque do Pasatempo tiña orixinariamente unha vasta extensión de 90.000 metros cadrados. Hoxe abrangue uns 26.000 metros, dos que O Pasatempo propiamente dito está na parte alta do conxunto, distribuída en cinco niveis graduados conformando unha estrutura piramidal.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1324 lecturas