A Xunta impulsa o 6 e 8 de xuño no Brasil unha nova feira de emprego para conectar o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais da comunidade

A vindeira semana, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración iniciará a súa primeira viaxe ao país para asistir a ambas citas, que terán lugar nas cidades de São Paulo e Salvador de Bahía tras o éxito das celebradas na Arxentina e no Uruguai.

Trátase dunha iniciativa vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e co que se busca favorecer o regreso a Galicia de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe,

Ademais das oportunidades profesionais, poñerase en valor o acompañamento integral que ofrece a Administración autonómica ao longo de todo o proceso e as novas medidas para facilitar o acceso a vivenda, especialmente no rural.

En paralelo, José González desenvolverá unha ampla axenda que incluirá encontros con representantes da colectividade galega, entidades históricas da emigración e responsables institucionais para seguir tendendo lazos coa diáspora.

A Xunta impulsa o 6 e 8 de xuño no Brasil unha nova feira de emprego para conectar o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais da comunidade
A Xunta impulsa o 6 e 8 de xuño no Brasil unha nova feira de emprego para conectar o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais da comunidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 1 de xuño de 2026.

A Xunta de Galicia impulsará a vindeira semana no Brasil unha nova edición das feiras de emprego no exterior, unha iniciativa pioneira do Goberno galego que chegará o 6 de xuño á cidade de São Paulo e o 8 de xuño a Salvador de Bahía. Tras o éxito das edicións celebradas o pasado ano na Arxentina e no Uruguai, a Xunta busca seguir conectando o talento da Galicia exterior coas oportunidades laborais do tecido produtivo galego e favorecer o retorno da cidadanía galega emigrada e dos seus descendentes.

A iniciativa enmárcase no programa Retorna Cualifica Emprego, incluído na Estratexia Galicia Retorna e que conta cunha nova edición en marcha 2026-2027 dotada con 2,3 M€ á que xa poden inscribirse as persoas interesadas. O seu obxectivo é facilitar o regreso a Galicia de persoas emigradas ou descendentes de galegos mediante ofertas laborais en orixe da man das empresas, a través de contratos indefinidos, ao tempo que contribúe á cobertura de vacantes e ao reto demográfico.

Con este motivo, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González —xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda— desprazarase na súa primeira viaxe institucional ao Brasil para asistir a ambas citas e desenvolver unha ampla axenda nas cidades de São Paulo e Salvador de Bahía. Durante a visita manterá encontros con representantes da colectividade galega, entidades históricas da emigración e responsables institucionais, co obxectivo de reforzar os vínculos coa Galicia exterior, coñecer de primeira man a realidade e as necesidades da comunidade galega residente no país e seguir afondando nas relacións de colaboración institucional.

No relativo ás feiras de emprego, por parte da Xunta, a estas citas asistirán técnicos da Secretaría Xeral de Emigración, para difundir as medidas de retorno; persoal da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, que informarán sobre as diferentes vías de apoio e liñas de axudas, como o xa mencionado Retorna Cualifica Emprego; así como da Axencia Galega de Innovación, que darán conta das oportunidades de carreira no ecosistema galego de I+D+i e nos centros tecnolóxicos; ademais de representantes do tecido produtivo galego e clústeres.

Ademais das oportunidades profesionais, poñerase en valor o acompañamento integral que ofrece a Administración autonómica ao longo de todo o proceso, incluíndo asesoramento administrativo, apoio para a integración social e laboral e medidas orientadas a facilitar o acceso á vivenda.  Neste sentido, tamén se divulgarán as novas liñas de apoio promovidas pola Xunta para favorecer a rehabilitación de vivendas no rural, que poden solicitar empresas, persoas físicas ou xurídicas e concellos que subscriban acordos con elas, destinadas a persoas traballadoras. Esta medida busca contribuír tanto á fixación de poboación como á cobertura das necesidades de man de obra en distintos sectores económicos, valorándose que as vivendas se destinen a persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego.

Modelo galego de atracción de talento

Esta iniciativa encádrase tamén no modelo galego de atracción de talento promovido pola Xunta, estruturado en dous grandes eixes: o retorno dos galegos e galegas do exterior e a captación de traballadores de terceiros países, especialmente de América Latina. Trátase dun modelo baseado nunha migración ordenada, segura e vinculada ás necesidades reais das empresas galegas, apostando pola integración sociolaboral e polo fortalecemento demográfico e económico de Galicia.

81 lecturas