Exposición "Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia", en Santiago de Compostela
Do xoves 8 ao xoves 29 de febreiro, na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago de Compostela , pode visitarse a mostra Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
- O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén traballando desde os seus inicios, en 1992, na recuperación e posta en valor da memoria e dos importantes legados dos/as emigrantes galegos/as. Moi logo prestou atención ás accións solidarias e exemplarmente altruístas daqueles/as que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas propiciadoras da escolarización e da instrución. Un caso único o de Galicia, por certo, na historia das colectividades de emigrantes.
- Para a realización destes e doutros proxectos de recuperación, ordenación e estudo do patrimonio legado polos/as nosos/as emigrantes contou, e conta, o Consello da Cultura Galega coa colaboración e axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Esta parcería fixo posible, entre outros proxectos, a catalogación das construcións escolares financiadas polos/as emigrantes nas catro provincias galegas e, tamén, a exposición que se presenta.
- Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia vén a subliñar, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos/as emigrantes.

Evento:
Exposición
Organiza:
Universidade de Santiago de Compostela - USC
Consello da Cultura Galega
Secretaria Xeral da Emigración
Data:
08.02.2024
29.02.2024
Lugar:
Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida)
Prof. Vicente Fráiz Andón, s/n
Santiago de Compostela - 15782A Coruña España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta:






