EasyJet comezará a voar entre Santiago de Compostela e Londres-Gatwick a partir do vindeiro xuño
Esta liña únese á que comezou a operar coa cidade suíza de Basilea o pasado mércores.
Se o mércores a low cost EasyJet comezaba a que é a súa segunda ruta internacional dende Santiago de Compostela, Basilea, o pasado xoves puxo xa á venda a que será a terceira, pero non a última, e é que dende o próximo 18 de xuño comezará a voar tres veces por semana en voo directo a Londres Gatwick, o segundo aeroporto máis importante da capital londiniense.
Os voos entre ambas as dúas cidades serán os martes, xoves e sábados aínda que con horario variable segundo o día da semana e na web da compañía xa se poden adquirir os voos dende 35 euros por traxecto. Con esta nova ruta, a compañía reforza a súa presenza en Santiago de Compostela dende onde operará voos a Basilea, dúas veces por semana, Xenebra, con ata cinco voos semanais, e agora suma Londres Gatwick con tres voos á semana.
Se ben a ruta a Londres non é unha descoñecida no aeroporto de Lavacolla, a novidade radica no aeroporto ao que serán operados os voos e é que será ao de Gatwick, mentres que o da outra operadora da ruta, RyanAir, é ao de Stansted. Ambas as dúas rutas non se solaparán xa que non coincidirán nin en horario nin en días da semana senón que se alternarán de tal forma que a capital galega contará con voo case diario á capital londiniense agás os domingos.
EasyJet operará esta ruta con modernos avións Airbus A319 cunha capacidade para 156 prazas aínda que non descartan incorporar á ruta avións de maior capacidade como os A320 con 180 prazas como xa fan nas súas rutas entre Santiago e Xenebra debido á alta demanda. Dende a compañía amosan o seu contento por poder anunciar esta nova ruta directa dende Lavacolla e confían no bo resultado desta xa non só polo público galego senón que as e os pasaxeiros británicos tamén utilizarán a ruta xa sexa a título individual ou comprando paquetes turísticos en axencias que traballan coa compañía.
Javier Gándara, director de EasyJet para España afirmou sentirse orgulloso desta nova aposta da compañía polo mercado galego canalizado dende Santiago de Compostela, dende onde suma xa tres rutas internacionais e sen ningún tipo de convenio de promoción turística, senón que é por conta e risco da propia low cost tras comprobar a demanda latente.
Santiago de Compostela-Basilea, dende o pasado mércores
Así mesmo, a compañía easyJet inaugurou o pasado mércores un novo destino directo de carácter internacional dende o aeroporto de Santiago de Compostela a Basilea, ao cal voará dúas veces por semana. Concretamente poderase voar entre ambas as dúas cidades todos os mércores e sábados durante toda a tempada de inverno.
Esta nova conexión súmase á xa existente á tamén cidade suíza de Xenebra á que actualmente voa catro veces por semana esta mesma compañía de baixo custo. A venda dos billetes de avión para esta ruta evolucionan favorablemente e a compañía mostra a súa satisfacción pola acollida desta entre o público galego así como o suízo.
O primeiro voo do pasado mércores entre Basilea e Santiago tiña previsto aterrar no aeroporto de Lavacolla ás 14,45 horas, tratándose dun avión do modelo Airbus A319 con 140 pasaxeiros e pasaxeiras no seu interior, o que supón un 90% da súa capacidade. Pola súa banda, o voo de regreso entre Santiago e Basilea despegaría da capital galega ás 15,20 horas con 128 pasaxeiros e pasaxeiras no seu interior que se traduce nunha ocupación do 82%
E é que o mercado suízo ten tirón dende ou cara a Santiago de Compostela e así demóstrano os datos xa que a ruta Santiago - Xenebra desa semana apenas tiña asentos dispoñibles en ambos os dous traxectos e o mesmo acontecía co voo a Basilea do sábado, que tiña previsto chegar con 138 pasaxeiros e pasaxeiras (88% de ocupación) e volvería despegar rumbo á cidade suíza con 150 persoas pasaxeiras (96% de ocupación). Estas son cifras de ocupación a día do pasado mércores, polo que ata ao voo do sábado aínda era altamente probable que rematase por completarse a capacidade dos devanditos avións.
Fonte e Foto: santiagoaeropuerto.com
Novas relacionadas



