A Xunta de Galicia presenta as actividades en homenaxe a Valle Inclán, que afondarán na súa influencia na creación artística dos últimos cen anos
Conmemoración do 75 aniversario do pasamento do escritor arousán.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, avanzou este mércores un conxunto de iniciativas entre as que destaca o Congreso Internacional Valle-Inclán e as artes, organizado pola USC e que se desenvolverá do 25 ao 28 de outubro na Cidade da Cultura, a Facultade de Filoloxía e o Museo de Pontevedra. O congreso inclúe a inauguración en Pontevedra da exposición Retratos de Valle-Inclán.
Teo Cardalda e María Monsonís porán música aos poemas do escritor nos concertos Claves Líricas, promovidos pola Agadic. O congreso Valle-Inclán: Raíz, universalidad y vanguardia e a estrea no Salón Teatro de La noche de Max Estrella completan o programa.
Roberto Varela asegurou que este programa relacionado coa obra de Valle-Inclán, “conforma unha oferta atractiva e diversa que inclúe foros de debate, teatro, música ou artes plásticas”. O conselleiro sinalou respecto da herdanza de Valle, que “non só aglutinou a arte na súa vida, o seu legado segue a ser fonte de inspiración tres cuartos de século despois da súa morte”.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta semana as iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia en homenaxe a Valle-Inclán no 75 aniversario do seu pasamento. O conselleiro asegurou que este programa de actividades levadas a cabo conxuntamente co Instituto Cervantes, o Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela, “afondará na influencia que ten exercido o escritor de Vilanova de Arousa na creación artística dos últimos cen anos”. O acto, celebrado na Cidade da Cultura, tamén contou coa participación do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero; o vicerreitor da USC, Francisco Ramón Durán; o representante do comité organizador do congreso Valle-Inclán e as artes, Javier Serrano, e o músico Teo Cardalda.
O titular de Cultura e Turismo destacou que as actividades sobre o escritor arousán “propoñen, no seu conxunto, unha análise transversal da figura e da obra de Valle”. Un programa que, segundo Varela, “conforma unha oferta atractiva e diversa que inclúe foros de debate, teatro, música ou artes plásticas”. O conselleiro subliñou a colaboración que a Consellería de Cultura e Turismo levou a cabo para realizar este conxunto de iniciativas e resaltou que “a cooperación cultural é a mellor homenaxe que se lle pode render a Valle-Inclán, alguén que dedicou a súa vida enteira á arte e á cultura, guiándose unicamente polos seus valores éticos e estéticos”. “Ese é, sen dúbida, un dos grandes motivos polos que, 75 anos despois do seu falecemento, o seu legado cultural continúa plenamente vixente”, apuntou.
O responsable da área de Cultura fixo un recorrido pola vida e obra de Valle-Inclán e asegurou que sempre tivo “a certeza de ocupar unha posición central na vida cultural e artística española”. Deste xeito, o conselleiro apuntou que “arredor da figura do arousán movíanse boa parte dos artistas e intelectuais da época”. “Dalgún xeito, estudar a Valle-Inclán significa mergullarse na creatividade de toda unha xeración”, engadiu.
Roberto Varela sinalou respecto da herdanza de Valle que “non só aglutinou a arte na súa vida, o seu legado segue a ser fonte de inspiración tres cuartos de século despois da súa morte”. Tocante á súa relación con Galicia, o conselleiro destacou que “o escritor de Vilanova foi quen de crear un mundo propio e único, e para iso tomou elementos tan tipicamente galegos como a ironía ou a concepción máxica da realidade”.
Valle-Inclán e as artes
As actividades promovidas pola Xunta de Galicia en homenaxe a Valle-Inclán no 75 aniversario do seu pasamento axuntan unha serie de eventos. Por unha banda, destaca o do Congreso Internacional, organizado pola Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, e que leva por título Valle-Inclán e as artes. Este congreso, que se desenvolverá a próxima semana, do 25 ao 28 de outubro, e repartirá a súa sede entre a Cidade da Cultura de Galicia, a Facultade de Filoloxía e o Museo de Pontevedra, reunirá a algún dos meirandes expertos internacionais en Valle, e afondará nas estreitas relacións que a súa obra literaria ten establecido con outras artes. Para máis información sobre o congreso está habilitada a seguinte dirección web: http://www.usc.es/es/goberno/vrrelins/catedras/valle-inclan/congreso.html
O congreso Valle-Inclán e as artes inclúe a exposición Retratos de Valle-Inclán, que se inaugurará o venres 28 de outubro no Museo de Pontevedra coincidindo co remate destas xornadas sobre o autor. O proxecto expositivo propón un achegamento ao escritor a través das representacións da súa singular presenza, non só en pintura, debuxo ou escultura, senón tamén mediante os retratos literarios.
Música e teatro
Pola súa banda, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) levará a serie de concertos Claves Líricas ás localidades galegas máis vinculadas á vida de Valle, como son Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal e Santiago de Compostela. Nestes concertos, Teo Cardalda e María Monsonís porán música aos poemas do escritor. Claves Líricas é un adianto musical da obra teatral que Cardalda prepara sobre a figura de Valle, xunto á directora escénica británica Tamzin Townsend, o dramaturgo Ignacio Garcia May e o actor Luis Zahera. O espectáculo, que leva por nome Los siete pecados de Valle-Inclán, estrearase en febreiro de 2012 en Galicia e despois poderá verse noutros puntos de España e do mundo.
Así mesmo, na primeira semana de decembro terán lugar outras dúas actividades apoiadas pola Consellería de Cultura e Turismo. Por unha banda, o congreso Valle-Inclán: Raíz, universalidad y vanguardia, que se celebrará no Pazo de Mariñán e estará organizado pola Asociación de Directores de Escena de España (ADE). Por outra, destaca tamén a estrea no Salón Teatro de Santiago de La noche de Max Estrella, unha coprodución do Centro Dramático Galego e o Centro Andaluz de Teatro, baseada en Luces de Bohemia.
Mostra de carteis e convenio de colaboración
A Consellería de Cultura e Turismo apoia asemade outras vías de colaboración para homenaxear a figura de Valle-Inclán. Nesta liña, Roberto Varela avanzou que en xaneiro de 2012, en virtude dunha colaboración entre a Fundación Cidade da Cultura e o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, o Gaiás acollerá unha exposición de cartelería das obras de teatro de Valle Inclán.
Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo asinou o pasado mes de agosto co presidente da Fundación Valle-Inclán, Gerardo Fernandez Albor, un convenio de colaboración para a realización de actividades relacionadas co escritor. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, e a Fundación Valle-Inclán consideran esencial a posta en marcha de actividades conxuntas, que permitan desenvolver un programa relacionado coa obra do escritor.
Así entre as iniciativas contempladas no convenio, acordouse manter un calendario estable de actuacións da Escola de Teatro Valle-Innova. A fundación que preside Fernández Albor pretende que o traballo realizado nos tres anos de aprendizaxe se dea a coñecer coa representación de obras de Valle-Inclán en distintos puntos da xeografía galega, expandindo o seu legado por todos os concellos. De feito, con motivo do 75 aniversario do pasamento de Ramón María del Valle-Inclán neste 2011, a Fundación deseñou un amplo programa de actividades especiais para difundir a figura e a obra do escritor.
Doutra banda, a partir deste convenio publicarase un libro relacionado coa bibliografía de Valle-Inclán, que contará co apoio e colaboración da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, realizarase un audiovisual que levará por nome Realidade e Ficción en Romance de Lobos. O convenio asinado en agosto tamén contempla a adquisición de libros de Ramón María del Valle-Inclán en diferentes idiomas –alemán, francés, italiano e inglés- e de libros singulares ou primeiras edicións. O obxectivo e crear un fondo bibliográfico valleinclaniano específico.
Novas relacionadas



