O mellor bosque de teixos do sur de Europa

Encontrámonos ante unha das poucas reservas de teixo (Taxus bacchasta) existentes no planeta. Áchase formando un bosque puro duns cincocentos exemplares centenarios (algúns de máis de 25 metros de alto e, polas súas dimensións, poderían chegar aos mil anos) no macizo de Pena Trevinca, no extremo este da provincia de Ourense. É o coñecido como o Teixedal de Casaio (municipio de Carballeda de Valdeorras).
Agóchase a 1.350 metros de altitude, ben protexido aos pés de Pena Survia (2.095 metros) e Pena Trevinca ao norte, o pico máis alto de Galicia, a 2.127 metros sobre o nivel do mar.
Estamos quizais nas terras máis inaccesibles e menos coñecidas de Galicia. Por iso aquí resistiu o que é considerado un dos mellores bosques de teixos de Europa. Para chegar ao teixedal fai falta unha viaxe de dúas horas en coche ata Casaio, se partimos de Ourense ou Lugo. Logo unha hora polo monte en todoterreo e finalmente, cando a orografía só permite seguir a pé, queda outra hora de camiño entre breixos e carballos.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))


