A única igrexa románica de mármore de España

O templo do Hospital de O Incio foi construído no século XII pola Orde de Malta.
A única igrexa románica de mármore de España

Nas montañas lucenses de O Incio, neses lugares onde o escritor Ánxel Fole se inspirou para escribir partes notables da súa obra, álzase un singular conxunto monumental, a Igrexa de San Pedro Fiz de Hospital. É un templo románico de finais do século XII construído pola Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, sendo a súa orixe centro de atención aos necesitados e peregrinos (aquí estamos nun desvío do Camiño Francés). A peculiaridade deste monumento é que está construído todo el en mármore do país. Unha pedra en tons azuis procedente das canteiras desta bisbarra. A de O Incio é a única igrexa románica de España construída totalmente nesta pedra e un dos escasos templos feitos en mármore en todo o sur de Europa.

Di Fole na súa obra Terra Brava: "Esta paisaxe é unhas veces suave e amorosa; outras, recia, severa e grandiosa. Mellor dito, os dous tipos de paisaxe dan a man". O templo de San Pedro Fiz ábrese entre o verde mostrándonos catro pares de columnas monolíticas con capiteis de adornos vexetais e a cruz de Malta que loce no tímpano. A fronte xa asombra nada máis chegar ao lugar. Don Ánxel González é o párroco dende hai corenta anos e está orgulloso da xoia de templo que ten, pero doído porque non se fai publicidade del: "Non" hai "un triste letreiro, a xente pasa de longo sen dar con el. Había un indicador hai vinte anos, pero xa nin iso".

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1767 lecturas