A primeira potencia mundial en cultivo e comercialización do mexillón

Galicia ten 3.337 bateas, a maioría delas flotan na ría de Arousa.
A primeira potencia mundial en cultivo e comercialización do mexillón

Galicia é a primeira potencia mundial en cultivo e comercialización do mexillón e colócase de segunda despois de China en canto á produción e extracción deste bivalvo, pois este país oriental emprega unha boa parte da súa produción para a piscicultura (como alimento doutros peixes). O cultivo do noso molusco máis internacional faise nas coñecidas bateas das rías, unhas plataformas flotantes que xa forman parte da paisaxe da Galicia costeira do sur. Actualmente hai 3.337, a maior parte delas na ría de Arousa. Producen anualmente máis de 250.000 toneladas de mexillón, o que supón un 40% da produción europea deste bivalvo. A súa explotación é familiar, cunha media de 1,8 bateas por familia.

En total, a produción mexilloeira xera uns 18.500 postos de traballo entre directos e indirectos, segundo datos do Consello Regulador do Mexillón de Galicia referentes a 2003, e un volume de facturación anual que oscila entre os 90 e os 110 millóns de euros (de 15.000 a 18.000 millóns de pesetas). A primeira batea de Galicia fundouse en 1945 na ría de Arousa, e o seu construtor foi Afonso Ozores Saavedra, perfeccionando experiencias da costa catalá.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004).

1398 lecturas