A primeira cidade republicana de España

A República Federal foi proclamada en Ferrol 124 días antes que no resto de España. O 10 de outubro de 1872, o brigadier Bartolomé Pozas e o capitán de mariña, Braulio Montejo, co apoio de varios militares retirados e mesmo destacados membros do Partido Republicano, levántanse contra o goberno de Amadeo I de Saboya. O pronunciamento terá unha fuxidía vida de só cinco días pois é abortado o 15 de outubro polas tropas do xeneral Sánchez Bregua. Pero este levantamento fará pasar a Ferrol á historia como a primeira cidade republicana de España.
O número de sublevados ascenderá a uns 2.000 (Ferrol tiña entón uns 30.000 habitantes) e non houbo derramamento de sangue. Na mañá do día 12 de outubro, e ante a ausencia de corporación municipal, nomean unha xunta provisional presidida por Francisco Suárez García. Pero as forzas leais ao goberno entran na cidade ao día seguinte e restablecen a corporación. Estaban dirixidas persoalmente polo capitán xeral de Galicia Xosé Sánchez Bregua.
O levantamento fracasa aos cinco días pois os insurrectos non contaron sequera co apoio dos xefes republicanos, como Pi i Margall, que condenou nas Cortes a sublevación, e os líderes deben fuxir a Portugal, Madrid e mesmo ultramar.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))
 
             
           
               
  		    

