Os carnavais máis longos e máis xenuínos de Europa

Os carnavais de Xinzo de Limia están considerados Festa de Interese Turístico Nacional. Esténdese durante 5 domingos (domingo fareleiro, oleiro, corredoiro, entroido e piñata).
A "pantalla" é a máscara do entroido limiano, constituíndo o símbolo de manifestación popular máis importante, con raíces celtas marcadas segundo Fernández Novoa, onde o seu poder relixioso, xudicial e social queda manifesto: na máscara da pantalla (o relixioso); no látego e nas vexigas inchadas (o xudicial) e na función de ordenar a festa (o social); sendo unha das escasas máscaras rurais que perviven na Europa do novo milenio. Á súa saída ás rúas nestas festas chegan a sumar centos delas, o cal é ritual e tradicional.
Calzóns brancos longos, camisa branca, zapatos negros, polainas negras con fitas vermellas para atalas ás pernas, capa de seda vermella con fitas de distintas cores, pañoleta ao colo, cinto con campás e cascabeis, luvas brancas e unha ou dúas vexigas secas nas mans. Na cabeza, a " pantalla " propiamente dita, a que lle dá nome ao conxunto e que se confecciona artesanalmente con cartón duro, papeis de xornal e feltro dun sombreiro clásico; úsase cola, fariña e auga temperada para pegar e moldear a cara; esta ten aparencia de demo encarnado, con xesto amable; dende a parte traseira da cabeza sáelle unha especie de corno onde se debuxan símbolos astrais, animais, escudos. Por detrás coincidindo coa caluga, cólgaselle unha tea, e diante leva unha especie de flocos longos de cor xeralmente dorada. Se cando as "pantallas" percorren as rúas encontran a alguén que coñecen e non está disfrazado, perségueno e obríganlle a pagar uns viños, entón a "Pantalla" descobre o rostro para darse a coñecer, e así falar da festa.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))


