A obra de enxeñaría civil de maior envergadura económica de Europa

Cada kilómetro da Autovía do Noroeste por Pedrafita custou 9 millóns de euros de media.
A obra de enxeñaría civil de maior envergadura económica de Europa

Cada vez que un condutor entra ou sae de Galicia pola Autovía do Noroeste (que comunica A Coruña, Lugo e Benavente a través de 328 kilómetros) quizais non se decate que, no treito de 55,9 quilómetros entre Lugo e León -o que corresponde ao porto de Pedrafita- está a circular por enriba da obra de enxeñaría civil máis moderna e cara de Europa no momento da súa inauguración no ano 2002. Custou 72.000 millóns de pesetas (uns 433 millóns de euros), algún dos kilómetros superou os 2.300 millóns de pesetas (14 millóns de euros) e a media de todo este treito de montaña foi de 1.500 millóns de pesetas por cada quilómetro de autovía (9 millóns de euros). Ou sexa, cada metro de estrada, millón e medio de pesetas. Unha boa parte deste treito de 56 quilómetros son viadutos, pontes e túneles que ás veces se suceden uns a outros sen interrupción.

O segundo túnel máis longo de España

A súa autovía irmá, a das Rías Baixas (Vigo-Ourense-Benavente), fora inaugurada ao completo uns anos antes, en 1998. Nela encóntrase o segundo túnel, entre os chamados paralelos (é dicir, con dúas bocas independentes), máis longo de España: é o túnel da Cañiza, aberto no ano 1998 e cunha lonxitude de 2.560 metros en cada unha das súas dúas bocas, o que supón que en total mide 5.120 metros.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1456 lecturas