O único fortín romano que se conserva completo no mundo

A finais do ano 2000 a UNESCO inscribiu oficialmente a Muralla de Lugo na lista de monumentos declarados Patrimonio da Humanidade. Esta fortificación de máis de dous kilómetros de circunferencia é a única de orixe romana no mundo que conserva íntegro o seu percorrido.
A Muralla abraza todo o casco histórico e pode percorrerse na súa totalidade polo seu adarve, paseo elevado sobre a mesma que se encontra a 12 metros do chan. De día é o mellor miradoiro sobre o casco histórico; de noite, grazas a unha discreta iluminación, é un poético paseo con moito misterio.
O viaxeiro que se achegue a Lugo, poderá gozar ademais de importantes recursos patrimoniais da época romana: os restos arqueolóxicos musealizados na Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, o Centro de Interpretación da Muralla, o Centro Arqueolóxico de San Roque, a Sala de Exposicións Porta Miñá, as Termas Romanas e o Santuario de Santa Eulalia de Bóveda. Tamén é imprescindible a visita á maxestosa Catedral de Santa María, que ten o privilexio da exposición permanente do Santo Sacramento.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))


