O primeiro pobo de Europa que soubo do descubrimento de América

A chegada da carabela "La Pinta" a Baiona cambiou o futuro deste pobo e do mundo enteiro.
O primeiro pobo de Europa que soubo do descubrimento de América

Cada primeiro fin de semana de marzo Baiona transfórmase nun pobo medieval. As súas rúas empedradas e a coidada arquitectura énchense de talleres artesanais e postos de comida típica mentres, polo mar, se representa a chegada dunha carabela que cambiaría a historia deste municipio, de Galicia e do mundo enteiro. O primeiro día de marzo de 1493 "La Pinta" atracaba neste porto galego. Concluía así a maior xesta mariñeira de todos os tempos e quizais o feito máis importante acontecido en España na Idade Media.

A nave, baixo o mando de Martín Alonso Pinzón, e pilotada polo pontevedrés Cristovo García Sarmiento, era a primeira en regresar de América das tres que zarparan con Cristóbal Colón. Plantas, animais e indíxenas chegaron por vez primeira ao Vello Continente (viñeron tres indios, un deles morreu ao pouco da arribada e foi enterrado no cemiterio ao pé da muralla do Monte Boi). Galicia convertíase así no primeiro país de Europa que coñecía a existencia do Novo Mundo e Baiona no principal porto da ría de Vigo. A Pinta permaneceu no pobo durante dez días, tempo no que se converteu en centro de atención de toda a coroa. Os Reis Católicos recoñeceron o gran servizo prestado a Castela por Baiona e outorgaron ao pobo privilexios, franquías e inmunidades.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1424 lecturas